Orlanda Gomes naceu na Illa de Madeira e residiu en Venezuela durante moitos anos, antes de instalarse no Baixo Miño. En Tomiño, no ano 2012, nunha mostra colectiva organizada pola Comisión de Festas do Alivio, cativou aos amantes da plástica, repetindo éxito na seguinte edición.
Non foron as súas primeiras exposicións. No currículo de Orlanda Gomes figuran a realizada no 2000 na Galería dos CTT Edificio, Funchal (Portugal); no Comité Olímpico Venezolano, 1999 e tamén en Ceuta e Colombia.

En Galicia participou en colectivas como a XXI Bienal de Arte do Morrazo, 2014 e na Sala de Exposicións do Rosal, nunha colectiva organizada polo Concello.
Individualmente, presentou en 2012 en Goián "Olladas de Muller", mesmo ano no que expuxo no Club Financiero de Vigo.
En 2015, chegou a Caminha, Portugal, para mostrar as obras saídas do seu estudo, e ao ano seguinte na cidade de Lugo, onde reside actualmente.
Orlanda Gomes rematou de pintar un cadro, unha tea en branco convertida nunha obra de arte. Ela non busca a perfección, senón todo aquilo que fai perfecta a nosa realidade, que fala por si soa.
Sobre o lenzo, "Os Muíños do Folón", un territorio que a pintora coñece moi ben, é unha obra que vai formar parte da Exposición itinerante "Os Muíños do Folón e do Picón, a través da Arte polo Camiño Portugués, desde Lisboa a Santiago", xunto con outros cadros asinados por Marietta Quessada, Anxeles Jorreto, Ana Cancela, Diana Cordero, Lucia Corrochano, Xosé Miranda, Diego de Giráldez, Camilo Camaño, Xulio Fontes, Puri del Palacio, Conchi Cuadrado, Margarita Forteza, La Niña Vero (de Burgos), Waldirene Silva, Mauro Lomba, Antonio Abad, Daniel Manfredi, Agustín Bastón, Irene Parga Todoroff, Carlos Padín, Galia Blanco, Ana P. Serres, Alex Méndez e Manuel Cerviño, entre outros.