sábado. 21.12.2024

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Museo Belas Artes da Coruña os concertos para difundir o proxecto Memorias da melancolía, unha iniciativa recollida no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 cuxo obxectivo é conectar a obra literaria de María Teresa León co legado vital de Maruxa Seoane a través de actuacións musicais.

O CD presentado recolle composicións interpretadas polo guitarrista Samuel Diz xunto a artistas como Isabel Villanueva, viola; Javier Riba, guitarra, e Jonatan Alvarado, tenor. Tal e como explicou o representante da Xunta de Galicia, nestas actuacións empregouse a única copia da guitarra orixinal de Lorca. Ademais, a meirande dos temas son inéditos e están centrados en Arxentina, país ao que chegaron María Teresa León e Maruxa Seoane durante o exilio da Guerra Civil española.

Como complemento ao disco, o dúo formado por Samuel Diz e o oboísta Benxamín Otero ofrecerán agora concertos en Santiago e A Coruña nos que interpretará os temas de Memorias da melancolía. No caso de Santiago, as actuacións terán lugar na sede da Fundación Granell, onde ofrecerán un total de cinco pases. Os dous primeiros serán ás 12,00 e ás 13,00 horas. Xa pola tarde as actuacións empezarán as 17,00 horas, ofrecendo un pase por cada hora ata ás 19,00. En todos os casos o aforo estará limitado e para asistir será preciso inscribirse previamente poñéndose en contacto coa Fundación.

No caso de A Coruña a actuación será no Museo de Belas Artes este domingo, ás 12,30 horas, e contará coa participación de Yolanda Castaño, quen porá voz a fragmentos das memorias de María Teresa León nunha tradución ao galego. Esta actuación servirá ademais como acto de clausura da exposición O legado de Maruxa Seoane.

O disco 'Memorias da melancolía' conecta a obra literaria de María Teresa León co...