A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebra mañá sábado, 23 de
novembro, o acto de ingreso do compositor Juan Durán como novo académico
numerario da Sección de Música. Será a partir das 12:00 horas na sede da
Academia, situada no Museo das Artes da Coruña.
Juan Durán pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado A canción: a esencia pura da arte musical, que será contestado en
nome
da Academia por Maximino Zumalave, membro
numerario da Sección de Música da institución.
A Real Academia
Galega de Belas Artes, no seu proceso de actualización de prazas de académicos
vacantes e co ánimo dunha maior representatividade en todos os ámbitos en
relación coa creatividade, a investigación ou a divulgación do patrimonio cultural
de Galicia, elixiu a Juan Durán en sesión ordinaria celebrada o pasado 29 de
xuño de 2019.
Juan Durán, Premio Reina Sofía de Composición
en 2018
Juan Pedro Durán Alonso (Vigo, 1960) escribiu música de cámara, vocal,
sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega.
Foi Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en
2018. Entre os seus próximos compromisos destacan a reposición da súa ópera O arame na New York City Opera en
xaneiro de 2020 e a súa condición de Compositor Residente da Xarxa de Músiques
en Cataluña para a temporada 2019-2020. A súa produción compositiva está
depositada no Arquivo de Galicia.
Entre 1987 e 1997 foi profesor e director do Conservatorio Superior de
Música da Coruña e desde 2006 pertence ao Corpo de Inspectores de Educación na
especialidade de Ensinanzas Artísticas. Foi membro fundador da Asociación
Galega de Compositores en 1987, da que foi presidente, e entre 2010 e 2018 foi
membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.
En 1997 desempeñou diversos cargos na Consellería de Educación da Xunta de
Galicia, sendo desde 2006 ata a actualidade subdirector xeral de Aprendizaxe
Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial. Desde as súas responsabilidades na
Administración educativa coordinou a elaboración dos actuais plans de estudo
dos conservatorios galegos.
Dentro da súa produción destacan: Cantiga
Finisterrae, cantiga para múltiples voces de luz, con texto de Miguel Anxo
Fernán-Lanuxe, encargo en 2011 da Orquestra Sinfónica de Galicia; a edición, en
2005, da súa reconstrución da Ópera de Marcial del Adalid Inés e Bianca, por encargo do Instituto Galego das Artes Escénicas
e Musicais (IGAEM); Divertimento para
orquestra en 2007, encargo da Real Filharmonía de Galicia; Motete Peregriño, obra encargo para a Santa Misa celebrada polo
Papa Bieito XVI en Santiago de Compostela en 2010; Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade, encargo do Consello da
Cultura Galega para celebrar o Día das Artes Galegas en 2012; a estrea tamén en
2012 de Alborada de noite e de luz
pola Sinfónica de Galicia xunto ao Orfeón Donostiarra; a obra para arpa e
orquestra Pórtico da Illa de Monteagudo,
encargo do Concello de Vigo en 2015; Troula,
para coro e orquestra, para celebrar en 2017 os 25 anos da OSG; así como
traballos propostos pola Fundación BBVA estreados pola Orquesta y Coro de la
Comunidad de Madrid. As súas obras foron interpretadas en gran parte de Europa
e Estados Unidos, Arxentina, Brasil, Chile, México, Hong Kong ou Tailandia,
entre outros países.