Dous dos máximos expoñentes do cinema experimental e a arte contemporánea. Os estadounidenses Morgan Fisher e Margaret Honda protagonizan o primeiro anuncio de programación do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que celebra a súa 15ª edición do 31 de maio ao 9 de xuño na cidade da Coruña.
Unha ocasión irrepetible no noso país para achegarse á obra de ambos creadores, presente nos máis reputados centros artísticos internacionais. O (S8) non agacha a súa satisfacción por poder contar nesta edición con dúas figuras tan respectadas e admiradas, que comparten a súa visión do cinema como exercicio conceptual e experiencia única. Un dos momentos cumes das retrospectivas será a exhibición por primeira vez en España de Spectrum Reverse Spectrum, de Margaret Honda, realizada en 70 mm e que só pode verse no seu formato orixinal. De Morgan Fisher, xa unha figura histórica dentro do cinema experimental, o público poderá gozar dunha ampla panorámica do seu traballo e dunha clase maxistral o 8 de xuño na Filmoteca de Galicia. O (S8) avanza outra das actividades destacadas desta edición: o seminario internacional “Películas inacabadas. Elementos dun cinema latente”, que terá lugar os días 1 e 2 de xuño.
O (S8) cumpre quince edicións xerando un espazo único para o cinema experimental no noso país e ofrecendo a oportunidade de achegarse á obra de referentes internacionais. A Morgan Fisher (Washington, D.C., 1942) dedicáronlle programas na Tate Modern (Londres), no Whitney Museum of American Art (Nova York), no Museum of Contemporary Art (Los Ángeles), no Filmmuseum (Viena) e no Centre Pompidou (París), entre outros. Desde o ano 1968 Fisher deulle unha volta ao que se coñece como metacine, en películas que cuestionan con enxeño e con humor tanto os modos de facer do cinema industrial, como a súa propia condición material. Coñecedor da trastenda do cinema de Hollywood, dos seus procesos de produción e dos estándares industriais, Fisher coloca as ferramentas e recursos da produción cinematográfica en primeiro plano para construír obras nas que a ironía é un elemento fundamental.
O público do (S8) poderá gozar dos filmes que fixeron a Fisher un imprescindible cando se fala de cinema de vangarda, entre os que se atopan os seus primeiros traballos de 1968: The Director and His Actor Look at Footage Showing Preparations for an Unmade Film e Phi Phenomenon, Production Stills (1970) ou Standard Gauge (1984) . Ademais do amplo percorrido pola súa obra, o festival acollerá unha clase maxistral con Morgan Fisher o sábado 8 de xuño na Filmoteca de Galicia, na que falará do proceso creativo das súas últimas obras. Outra faceta relevante do estadounidense é a pintura, coa que realizou nas últimas décadas exposicións individuais en galerías norteamericanas e europeas.
|
|
|
|
|
|