domingo. 28.04.2024

Unha directora húngara e outra iraniana gañan o Gran Premio e o Premio do Público na segunda edición de 'Imaxinaria'

O certame tamén premia a película francesa A Kind of Testament co Premio do Xurado e o Premio Territorio lévao To Bird or Not to Bird, do coruñés Martín Romero. I O público infantil elixe como mellor película a curta danesa The Swineherd, unha versión divertida e disparatada do clásico conto de Hans Christian Andersen.I Illa Cordura gaña o Premio Radar Galicia á mellor curtametraxe realizada na comunidade autónoma

Palmarés de Imaxinaria 2024.
Palmarés de Imaxinaria 2024.

Os dous principais galardóns foron parar este 2024 a senllas curtametraxes dirixidas por mulleres. A curtametraxe 27, da realizadora húngara Flóra Anna Buda, é o filme vencedor este ano no Festival Internacional de Animación Afundación «Imaxinaria». É unha película «visualmente impactante e complexa, que presenta unha historia relevante e unha execución impecable». Por todo iso, o xurado da sección oficial do certame -o trío composto pola realizadora checa de animación Michaela Pavlátová e os directores galegos David Fidalgo e Iria López- distinguiuna este domingo co Gran Premio «Imaxinaria». 27 é a historia dunha moza de 27 anos, Alice, que aínda vive cos seus pais e á que un accidente de moto tras unha noite de festa psicodélica obrígaa a converterse en adulta. Esta curta foi premiada tamén noutros prestixiosos festivais como Cannes, Annecy ou Melbourne.

Outro dos grandes galardóns de «Imaxinaria», o Premio do Público, recae este ano na curta Our uniform, ópera prima da moza animadora e ilustradora iraniana Yegane Moghaddam. É unha sátira social sobre as convencións en materia de vestimenta impostas aos nenos pequenos no seu país, contada a través dos recordos dunha nena e a súa etapa escolar e usando como fío condutor as costuras e pliegues do seu vello uniforme.

MÁIS PREMIOS

Ademais, máis dun milleiro de nenas e nenos que asistiron durante estes días ao festival decidiron tamén cos seus votos que o Premio do Público Infantil sería para a curto danesa The Swinherd, unha pequena obra de 8 minutos en 3D coa que os seus directores, Magnus Igland Moller e Peter Smith, ofrecen unha versión totalmente disparatada e moi cómica do famoso conto de fadas de Hans Christian Andersen e os seus protagonistas.

No palmarés de «Imaxinaria» entra tamén o director, ilustrador e autor de cómics francés Stephen Vuillemin, que mereceu o Premio do Xurado por A kind of testament, unha curtametraxe que aborda temas como a arte, internet e a vellez de forma «innovadora, inquietante e impactante» e que posúe «unha estética sorprendente e unha execución brillante». Multi-premiada no circuíto de festivais de cinema, da Berlinale ao Animafest de Croacia, pasando por Gante, Grenoble, Go Short de Nimega e Londres, Vuillemin asina a historia dunha moza que atopa na internet animacións creadas a partir dos seus selfies privados por unha muller maior descoñecida co seu mesmo nome que confesa roubarlle a identidade e acaba de morrer de cancro.

A lista de premios outorgados polo xurado a completa o coruñés Martín Romero, director de To bird or not to bird, unha curta de animación 2D galardoada co Goya hai só unhas semanas e que agora leva tamén o Premio Territorio de «Imaxinaria», que distingue á mellor película galega ou española participante no certame. Romero logrou o premio por plasmar neste traballo unha «temática universal» cunha mirada crítica e caleidoscópica do mundo actual contada a través das tragicómicas vivencias de varios paxaros cos mesmos hábitos e enfermizas obsesións que os seres humanos.

O público elixe Illa Cordura entre sete curtas galegas

Romero recolleu o seu galardón -un unicornio branco deseñado pola artista Giovanna Lopalco- na gala de entrega de premios celebrada na tarde deste domingo na Sede de Afundación A Coruña. Tamén recolleu o seu Mario Fernández Filloy, que se alzou co Premio Radar Galicia á mellor curtametraxe realizada na comunidade autónoma. Foi o público do festival cos seus votos o que elixiu Illa Cordura, unha película en 3D sobre un farero que queda só nunha illa cando o seu compañeiro macha a terra e chega aos límites da tolemia cando atopa unha carta unha noite de tormenta e enfróntase ao medo á soidade.

TALENTO NOVO

Como novidade este ano, un xurado integrado polos co-directores do festival, o ilustrador e realizador Alberto Vázquez e a comisaria cultural Matilde Rodríguez, xunto ao programador e experto en animación Severiano Casalderrey, concedeu o Premio Talento Novo á mellor peza animada en formato cortina de «Imaxinaria» realizada por estudantes que se están formando en escolas galegas do ámbito artístico, audiovisual e da animación.

O gañador foi Diego Area de Vega co seu proxecto Xermolar. Houbo dúas mencións especiais pola súa alta calidade artística: Metamorfose, de Martín Fernández Joga, e Animacor, de Katia Tojo Soto.

A segunda edición de «Imaxinaria» rematou hoxe tras 5 días de proxeccións e encontros entre profesionais e o público do cinema de animación. Na sede de Afundación A Coruña proxectáronse esta semana un total de 44 películas a competición chegadas de 24 países e outras 4 longametraxes de animación. Houbo, ademais, coloquios e clases maxistrais de profesionais de gran recoñecemento internacional.

O festival forma parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Por iso, a recadación íntegra do festival será xestionada polo Banco de Alimentos Rías Altas, que tamén distribuirá os alimentos non perecedoiros depositados polo público estes días pasados nos contedores situados para ese efecto na entrada da sede de Afundación.

Unha directora húngara e outra iraniana gañan o Gran Premio e o Premio do Público na...
Comentarios