O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, eloxiou onte a "alta calidade" da creación poética galega, destacando os "numerosos recoñecementos" que recibe dentro e fóra da comunidade. Fíxoo durante un recital na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, en Pontevedra, con motivo do Día Internacional da Poesía.
López Campos salientou o "excelso nivel" dos poetas galegos, mencionando os recentes Premios Nacionais de Poesía outorgados a autores como Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Ismael Ramos, Alba Cid e Gonzalo Hermo. Para o conselleiro, estes galardóns confirman a Galicia como "referente e potencia cultural", grazas ao seu "forte tecido cultural" de profesionais en diversos ámbitos.
O conselleiro tamén destacou a importancia de que a poesía galega sexa recoñecida fóra da comunidade, "o que sen dúbida prestixia o noso idioma e anima a outros colectivos profesionais a empregalo como ferramenta creativa".
No recital do Día Internacional da Poesía participaron Carmen Blanco, Adina Ioana Vladu, Cristina Fiaño, Cynthia Menéndez, Mateo Buján e Claudio Rodríguez Fer, a quen López Campos felicitou polo seu recente Premio Babel de Literatura, un recoñecemento da Universidade de Dallas (Texas).