A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves da concesión dunha subvención de 449.231 euros para contratar ao persoal que traballará no proxecto municipal de rehabilitación dos lavadoiros tradicionais de Vigo.
Segundo indicou a representante autonómica, trátase das axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinadas a entidades locais para contratar a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. A través da convocatoria do ano 2022, o Goberno galego aprobou a contratación de nove traballadores (oficial albanel) durante nove meses cunha xornada do 75%.
Outros concellos da área de Vigo que tamén recibirán axudas para diferentes proxectos son Salceda de Caselas (53.770 euros), Mos (79.919), Pazos de Borbén (13.453), Cangas (134.000), Baiona (74.907), O Porriño (103.244), Moaña (73.778), Soutomaior (68.247), Gondomar (63.338), Salvaterra de Miño (69.190), Fornelos de Montes (21.215), Redondela (156.628) e Nigrán (52.270). En total, as subvencións dos municipios da área suman 1.413.190 euros.
Poden ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.