O Alcalde de Ponteareas, Xosé
Represas, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, xunto á consultora
Rural Consulting, presentaron antonte aos profesionais da Praza de Abastos o
estudo co que se pretende modernizar este equipamento comercial municipal.
Os traballos de análise
desenvolvéronse durante varios meses e nel participaron clientela, praceiros e
praceiras, comerciantes da zona e persoas que non acuden ao mercado. Mediante
diferentes encontros participativos detectáronse as causas que atraen e afastan
aos consumidores do Mercado Municipal, as demandas da clientela e as
necesidades dos profesionais.
O estudo conclúe que o Mercado
Municipal ten un grande potencial, pola súa ubicación céntrica, polas amplas
instalacións, a tradición de consumo, especialmente do peixe como produto
estrela, ao que agora se suman outros negocios que apostan polo produto local.
A isto débese engadir a existencia en Ponteareas dun amplo sector de poboación
nova, interesada na gastronomía e na saúde alimentaria e que demanda produto de
calidade e local, un produto que pode e debe ser ofertado na Praza de Abastos.
Malia ese potencial, o estudo
advirte do serio risco que corre o futuro do Mercado Municipal se non se actúa
nin se moderniza. As grandes áreas comerciais e o cambio de hábitos nos
consumidores supoñen unha ameaza para a Praza de Abastos se esta non innova e
introduce importantes cambios e melloras nas instalacións, na súa organización
interna, na presentación dos produtos e na captación de novos negocios que se
adecúen ás demandas actuais dos potenciais clientes.
Para abordar ese novo futuro
do Mercado Municipal o goberno prevé aprobar un plan de mellor e un novo
regulamento da Praza de Abastos para mellorar a súa xestión, captar axudas da
Xunta de Galicia e incorporar novos negocios, así como asesorar e formar a
todos os profesionais do Mercado introducindo novas tecnoloxías e melloras nas
instalacións que convertan ao Mercado Municipal nun espazo comercial moderno e
atractivo, merecente do recoñecemento de mercado de excelencia que outorga a
Xunta de Galicia.