O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.
Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.
As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.
O proxecto ten un orzamento de 391.322 euros.
“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.
O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.
Son os seguintes:
Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589 euros.
Proxecto de saneamento no Corzón, en Pontellas, cun orzamento de 46.388 euros.
Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas cun orzamento de 95.564 euros.