A Corporación de
Mos uniuse para presentar en Pleno unha moción conxunta sobre a seguridade
viaria en Amieirolongo a proposta da alcaldesa. A moción levouse á última
sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado 25 de novembro.
A través de dita moción, que foi aprobada por unanimidade co voto favorable de tódolos corporativos municipais, ínstase ao Ministerio de Fomento a buscar as solucións pertinentes coa finalidade de subsanar e previr os problemas de seguridade viaria ó cruzar a estrada Nacional 550, necesarias para a zona de Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda, que presenta deficiencias sobre todo no que respecta ao tránsito seguro dos peóns por este barrio mosense. E a acometer a pasarela comprometida polo Ministerio, que daría unha seguridade tanto a veciños como usuarios do Camiño de Santiago, que utilizan a diario dito percorrido.
A rexedora local mosense, Nidia
Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto,
insisten na “imperiosa necesidade de que, dunha vez por todas, se acometa a
obra para a construción da pasarela peonil en Amieirolongo, un proxecto que
comezou a camiñar no ano 2014 e aínda non se viu materializado. Esta pasarela é
de vital importancia, pois pola zona transitan a pé a diario numerosos
viandantes, moitos deles veciños e veciñas, pero tamén numerosos peregrinos que
realizan o Camiño de Santiago Portugués”.
Os representantes municipais anuncian
así mesmo que “dende o Concello non poñemos límites a esta reivindicación e
chegaremos a onde faga falta, estamos dispostos a organizar mobilizacións
incluso, se fose necesario”, declararon Arévalo e Augusto.
Ademais informaron de que Concello de Mos está a traballar na mellora integral do Camiño de Santiago
Portugués ao seu paso pola localidade, que implicará nova sinalización e paneis
informativos, unha pasarela peonil e un estudio de replantexamento dun tramo
perigoso para os viandantes.
A nova
sinalización con sinais direccionais orientativos e os paneis informativos
potenciarán sobre todo a zona do Pazo de Mos, cun modelo que inclúa datos moi
completos mediante os que os camiñantes, nada máis saír do Concello de Porriño
e entrar no termo municipal mosense, poidan ter información sobre cantos
quilómetros lles quedan ata o Pazo de Mos, Santiaguiño… ata os servizos de
albergue de peregrinos, tendas, bares, restaurantes e cafeterías que terán
dispoñibles durante o camiño o seu paso por Mos, así como con outros elementos patrimoniais
como as Igrexas, Capelas, muíños,... Esta sinalización estará rexida en todo momento pola normativa
establecida polo Xacobeo.
RECLAMACIÓN HISTÓRICA
A pasarela peonil
que cruzará o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlazará o punto
quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias
superficies comerciais, foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento,
previndo un orzamento de 130.000 euros, contando xa co proxecto aprobado,
permiso de Patrimonio e coa cesión dos terreos por parte do Concello de Mos.
Con esta pasarela
evitaríase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño)
teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.
Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con
moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da
autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta
ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin
sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.
No informe técnico remitido á Fomento abórdase a
situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no
punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico
o Ministerio de Fomento procedeu á
construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a
autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a
zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales
coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos
de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas
marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada
rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se
garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de
volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á
autovía A-52.
Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito
punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se
ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os
viandantes.