Mañá ás 17.00 horas as rúas de Ponteareas serán o fogar de xigantes e cabezudos. Desfilarán polo centro urbano para coñecer aos nenos e nenas da vila, bailar con eles, e desfrutar do día xuntos. Non estarán sós, xa que o grupo folclórico de Fozara porá ritmo ao seu paseo, e acompañarán a estas figuras ata que se despidan da veciñanza.
Para o Concello sacar a cultura a rúa é unha prioridade dentro da súa programación. “Con ela queremos dinamizar o día a día da nosa vila e encher de diversión as nosas rúas”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. O edil anima aos veciños e veciños “a acompañar o desfile con alegría e ganas de divertirse”.
Mañá non será a única oportunidade de desfrutar dos xigantes e cabezudos. Volverán saír o vindeiro mércores 29 (festivo local) ás 11.30 horas, e serán a antesala do lanzamento de globos de San Miguel.