Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo,
e Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, en representación de AFAGA, asinaron no
salón de sesións do Concello de Mos o convenio para a concesión das
instalacións integrantes da antiga Casa Reitoral de Petelos a favor da
Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de
Galicia.
A cesión do uso a AFAGA outórgase para a
atención das persoas maiores.
Como é sabido o Concello acometeu fai anos
obras de restauración e acondicionamento do edificio aos efectos de poder
destinalo ao citado de fin de atención a maiores.
O Pleno da Corporación Municipal do Concello
de Mos do pasado mes de novembro (luns 25 de novembro para ser exactos, en
sesión ordinaria) acordou a concesión demanial directa a AFAGA. Esta concesión
directa ven ligada á notoria aportación da Asociación á comunidade en materia
social, a súa defensa da mellora das condicións de vida dos maiores, fomento do
Desenvolvemento cultural e social, potenciación dos principios de
solidariedade, igualdade, xustiza e liberdade, promoción e dereito á saúde dos
maiores, etc.
O sistema é de concesión demanial directa,
toda vez que se trata dunha asociación sen ánimo de lucro, que realiza fins de
interese xeral. A concesión do uso é ademais con carácter gratuíto. Terá unha
duración de seis anos a contar desde a sinatura do convenio.
Os programas que se levarán a cabo nas
instalacións da antiga Casa Reitoral de Petelos adicada a enfermos de Alzheimer
e outras demencias abordarán a prevención da dependencia dos usuarios, a
atención e asesoramento ós mesmos, a estimulación cognitiva e funcional, e a
atención psicolóxica tanto a enfermos coma ós seus familiares e/ou coidadores.
Os obxectivos que se perseguerán dende dita área
son a mellora da calidade de vida dos enfermos de demencias neurodexenerativas
e dos membros do seu entorno, o mantemento da autonomía e a independencia
persoal durante o maior tempo posible, a mellora do estado físico-emocional do
coidador, o adestramento das capacidades cognitivas do enfermo, a información e
asesoramento ás familias sobre Recursos Sociais, e a realización de actividades
de prevención do deterioro físico e cognitivo.
As instalacións atenderán a beneficiarios
directos e indirectos. Os beneficiarios directos serán maiores e/ou persoas con
diagnóstico de Alzheimer ou outro tipo de demencia en fase leve ou
leve-moderada. E os beneficiarios indirectos serían os familiares e/ou
coidadores dos usuarios directos e todas aquelas persoas que desexen recibir
algún tipo de orientación ou asesoramento.