O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde no acto de ingreso do doutor Xosé R. Bustelo como académico de número da Real Academia de Farmacia de Galicia. Un acto, no que destacou o labor desta institución como punto de encontro para a discusión, a reflexión e o debate vencellado aos avances científicos e a investigación dentro do sector farmacéutico.
O titular da carteira sanitaria da Xunta salientou a transcendencia do doutor Bustelo, como referente nacional e internacional na investigación do cancro, poñendo en valor a súa ampla traxectoria en numerosos proxectos de investigación e ensaios clínicos.
Durante o acto, que tivo lugar no antigo Hospital de San Roque, Comesaña recoñeceu as importantes achegas científicas e o legado do novo académico, un labor que comparte obxectivos comúns coa Consellería de Sanidade, “como é o de mellorar a saúde e calidade de vida da poboación galega”.
Así, pechou a súa intervención avogando por “continuar unindo forzas, seguir traballando en equipo e permanecer compartindo obxectivos”, remarcando que, sen as achegas da Real Academia de Farmacia de Galicia “non sería posible ofrecer uns servizos de saúde de calidade” como os que se prestan na nosa comunidade.