“Adestrouse o sistema para que detecte a presenza dun obstáculo na estrada e avise ao condutor do perigo de colisión, emitindo unha alerta tanto sonora como visual”, explica José Crespo, responsable legal e de protección de datos de Xesol. “Axudará a potenciar a seguridade viaria e a salvar vidas”, recalca. Nesta liña, os sistemas avanzados de asistencia á condución como o SmartCars de Xesol poden contribuír a salvar ao redor de 7.300 vidas só en Europa entre o ano 2020 e 2030, segundo datos da Comisión Europea.
Trátase
do primeiro Sistema Avanzado de Asistencia á Condución galego e o primeiro de
baixo custo que existe no mercado. Os sistemas que xa se comercializan alcanzan
os 900 €, mentres que este poderase adquirir por uns 550 €. Ademais, desde a
empresa aseguran que “mellora os modelos existentes en canto a que distingue a
presenza de peóns, ademais da sinxeleza de uso e instalación”.
Na
actualidade existen solucións similares incorporadas en automóbiles de alta
gama. O sistema de Xesol poderá instalarse en todo tipo de vehículos como
coches e camións.
DEMOSTRACIÓN
Ao longo do día de onte celebrouse unha xornada de demostración deste sistema no Parque Tecnolóxico de Galicia, nun circuíto habilitado con sinais, e continuará mañá venres durante o venres. Estanse a empregar un total de 15 vehículos equipados con este dispositivo intelixente, composto dunha cámara, un PC e unha pantalla.
Durante o desenvolvemento do evento, unha mostra representativa de 100 persoas (de diferente idade, sexo, actividade profesional…) tiveron (ou terán mañá) a oportunidade de probar algún destes vehículos. Ademais, están a avaliar a súa experiencia á hora de circular cun automóbil cun sistema de axuda á condución integrado, que detecta e advirte sobre posibles perigos na estrada. O seguinte paso será que este prototipo pase ao proceso de comercialización.
XESOL
Xesol Innovation é unha empresa tecnolóxica galega. Dedícase ao
desenvolvemento de software e produtos de mobilidade intelixente, destinados a
previr e reducir a sinistralidade na estrada. Así mesmo, busca potenciar a
eficiencia e a mobilidade de calidade cun compromiso ambiental sustentable,
utilizando para iso a tecnoloxía máis innovadora. Está situada no Parque
Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e posúe ademais oficinas en Vigo e en
Madrid.
No marco do programa de investigación Horizonte 2020 da Unión Europea, a
empresa Xesol recibiu 2 millóns de euros para o seu proxecto SmartCars. Dentro
deste proxecto desenvolveu un Sistema Avanzado de Asistencia á Condución (ADAS)
que monitoriza a contorna dinámica e identifica peóns, vehículos, sinais de
tráfico e tamén as liñas da estrada; empregando para iso tecnoloxía de visión
computacional e redes neuronais.