O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas-, debido á súa baixa participación nestas materias.
No marco deste proxecto, Tecnópole celebrou unhas xornadas no mes de febreiro, dirixidas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. Entre as actividades propostas, realizouse un taller para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes no Parque relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas.
A finalidade desta actividade era que desenvolveran un proxecto como solución a un problema concreto do Parque. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballou por grupos nos seus respectivos centros e enviaron a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida entrou a participar no concurso nacional “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible” impulsado por APTE.
Unha solución á acumulación de plástico nos parques empresariais e tecnolóxicos
O vídeo seleccionado por Tecnópole foi elixido entre os tres finalistas neste certame e finalmente resultou gañador. A entrega de premios tivo lugar esta mañá nun evento celebrado na Universidad Carlos III de Madrid. As creadoras do vídeo son Sabela Prada, Noa Vilas e Nerea Martínez, alumnas do colexio Santo Ángel de Ourense. Propoñen a obtención de filamentos para impresión 3D a partir de botellas e envases PET. As rapazas buscaron unha saída á acumulación de plástico, en particular nos parques empresariais e tecnolóxicos, que consiste nun sistema de recollida e almacenaxe de botellas e envases e a súa conversión en láminas, que se poderían destinar como material para imprimir en 3D. Segundo os seus datos, dunha botella poden extraerse 30 gramos de filamento.
Os outros dous grupos finalistas representaban ao Parc Científic Tecnològic i Empresarial de la Universitat Jaume I de Castelló e ao Parque Científico Universidad Carlos III de Madrid - Leganés Tecnológico. Enlace do vídeo