lunes. 25.11.2024

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu hoxe en rolda de prensa despois de presidir unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativa, ademais do Consello da Xunta, para detallar a habilitación de máis medidas e máis persoal para ofrecer a mellor resposta a todos os niveis centrada na contención do coronavirus.

“É necesario seguir habilitando medidas para a contención do virus, intentando aprender da experiencia doutros países e rexións”, explicou, incidindo en que este obxectivo foi o que marcou a reunión do Cecop.

Entre as medidas adoptadas no ámbito sanitario, destacou que o centro de coordinación está a definir hoteis aptos e accesibles para asumir hospitalización en caso de ser necesario. “Xa temos contactado coas 6 federacións de hostaleiros de Galicia para cotexar as dispoñibilidades dos establecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou que os centros e os establecementos sanitarios privados, así como o seu persoal, póñense a disposición do operativo sanitario, dando a instrución de reprogramar nestes hospitais privados a actividade non urxente para que teñan dispoñibilidade e espazo. Ademais de poñer tamén a disposición do 061 as ambulancias, os equipos e os recursos humanos de todas as empresas de transporte sanitario en Galicia.

Por outra banda, o Cecop traballou tamén no incremento dos efectivos para colaborar nas labores de contención e de asistencia ante a emerxencia, colaborando e coordinándose coas Forzas e Corpos de Seguridade, coas Policías Locais, cos efectivos de Protección Civil e co Exército. Ao respecto, Feijóo informou da posibilidade de que os concellos poidan reforzar as súas plantillas de Policía local, a través dun procedemento específico e simplificado, con 120 auxiliares da lista de contratación existente tras a realización das convocatorias unificadas; e mesmo de poder contratar ao persoal que aprobou as convocatorias pero que se atopaba sen praza.

Como medida novidosa, destacou tamén que o persoal do servizo de extinción de incendios poderá colaborar na asistencia e na loita contra a extensión do virus, especialmente no ámbito do rural galego. “Evidentemente, a función principal e prioritaria destes profesionais seguirá a ser a loita contra o lume, pero dado o momento no que nos atopamos, poderán tamén colaborar en funcións como é a vixilancia de zonas do rural, camiños e pistas para garantir que se cumpre o confinamento; e auxiliar a persoas que viven en lugares de difícil acceso e facerlles chegar víveres ou material sanitario”, precisou.

“En definitiva, estamos a falar de máis medios e máis persoal”, dixo, resaltando que na reunión do Cecop constatouse, unha vez máis, que a necesidade máis perentoria é a de material sanitario.

“Volvemos poñer enriba da mesa a necesidade de equipos de protección individual para centros sanitarios e ambulancias, para residencias da terceira idade e centros de discapacidade con internamento, para persoal de servizos de emerxencias e de Protección Civil e para os operarios do servizo de recollida e tratamento de residuos”, dixo, entre outros moitos colectivos que están traballando, día a día e a reo, na loita contra o coronavirus e que precisan de medios para facelo coa máxima garantía e seguridade.

Neste sentido, e aproveitando a presenza do delegado do Goberno na xuntanza, Feijóo volveu recordar que o Executivo central é a única autoridade competente para distribuír este material.

Durante a rolda de prensa, o responsable do Executivo galego resaltou o espírito construtivo e a vontade de cooperación que, unha vez máis, presidiu a reunión do Cecop, liderada pola Xunta, pero na que tamén están o Goberno central e os concellos galegos.

“Quero destacar a unidade de todas as administracións, por riba de cores políticos, e a unidade de todos os galegos a prol dun obxectivo común”, afirmou, constatando que, ante as adversidades, o pobo galego é capaz de actuar sen fisuras, antepoñendo o interese xeral aos intereses particulares.

Despois de confirmar que, neste momento, na Comunidade son 334 as persoas afectadas, recordou que Galicia sigue facendo probas: “Pensamos que ese é o obxectivo e ese é o procedemento axeitado, porque cantos máis doentes estean diagnosticados, a máis doentes poderemos tratar”.

Aprobación do decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral do 5A
Por outra banda, o titular da Xunta presidiu esta mañá, tamén, a reunión do Consello para aprobar o decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral prevista para o vindeiro 5 de abril, despois dun acordo entre todos os partidos representativos da Comunidade.

“En apenas unhas horas de diálogo fomos quen de chegar a un consenso que, hoxe, quedou referendado no decreto aprobado polo Consello”, confirmou, avanzando que será publicado hoxe no DOG e remitido ao BOE.

Así mesmo, explicou que este decreto, que deixa sentadas as bases da futura convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia, foi aprobado despois de coñecer o ditame da Xunta Electoral.

Sobre este punto, trasladou que a Xunta Electoral referendou a decisión tomada cunhas conclusións “moi claras”: que a repetición íntegra do proceso é a mellor solución para garantir que se poidan dar as condicións axeitadas para unha nova celebración dos comicios. Que a decisión de que as eleccións autonómicas non se celebren corresponde ao presidente da Xunta, dados os estados de alarma e de emerxencia sanitaria. E que a Deputación permanente do Parlamento non é imprescindible para o desenvolvemento deste procedemento en concreto.

Deste xeito, en canto se levanten os estados de alarma e de emerxencia sanitaria, procederase a convocar desde cero as eleccións autonómicas, coa particularidade de que serán oídos os partidos políticos antes de que o presidente da Xunta decida a data exacta.

O Centro de Coordinación Operativa habilita máis medios e máis persoal