lunes. 25.11.2024

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 333, deles 108 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 47 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 56 da de Santiago, e 8 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 63 están en unidades de hospitalización e 259 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 4 altas de pacientes e 4 falecementos. O cuarto falecemento é dun varón de 72 anos, que estaba ingresado na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e que padecía varias patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 2.614.

Seguindo instruccións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, só se actualizarán os datos unha vez ao día.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

RECOMENDACIÓNS

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Galicia rexistra un total de 333 casos infectados por coronavirus