domingo. 24.11.2024

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa impulsada polo Consello Social e a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica da USC. O Consello Social, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.

Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa: https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.

Un dos proxectos que está a recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o liderado por Javier Montenegro desde o CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-. O seu equipo traballa na obtención dunha molécula que sexa eficaz como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a COVID-19. É un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina contra o coronavirus.

ARN MENXASEIRO

Tal como explica o investigador, “trátase dunha vacina baseada no emprego da tecnoloxía do ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro. Estas moléculas codifican na súa estrutura a información para a síntese dunha proteína. Cando se adentran no interior das células, a maquinaria molecular comeza a funcionar para sintetizar a proteína que codifica este mensaxeiro”. É unha tecnoloxía similar á vacina que está a desenvolver a farmacéutica estadounidense Moderna, que nestes intres está entre as estratexias máis avanzadas na carreira por conseguir un antídoto contra a COVID-19.

As vacinas baseadas na tecnoloxía do ARN mensaxeiro presentan varias vantaxes. Por un lado, ofrecen unha resposta extremadamente rápida. Así, unha vez coñecida a estrutura molecular do antíxeno, é posible deseñar con certa celeridade o ARN correspondente. Desde a aparición do axente patóxeno ata o deseño e síntese do ARN que se necesita para vacinar transcorre moi pouco tempo. Ademais, resulta relativamente económico e sinxelo facer o escalado, é dicir, producir o antíxeno en cantidades elevadas.

A diferenza doutras metodoloxías, a empregada polo equipo de químicos da Universidade de Santiago usa un novo vehículo eficiente e non tóxico para expresar a proteína exacta da COVID-19. Segundo indica o investigador, “as proteínas sofren modificacións dentro das células pero a tecnoloxía do ARN mensaxeiro permite estas modificacións, polo que é unha réplica do antíxeno natural”.

CiQUS

Javier Montenegro sinala que o principal problema que presenta o ARN é que se trata dunha molécula “moi sensible, degrádase con moita facilidade e non atravesa as membranas das células por si só”. Non obstante, hai sete anos o equipo da Universidade de Santiago identificou o potencial da enxeñaría xenética e da terapia xénica e viron que os químicos poden contribuír a deseñar e preparar moléculas para protexer o ARN da súa degradación e poder entregalo así ao interior das células.

O equipo deseña o vehículo que entrega o ARN nas células, e fano combinando péptidos (pequenas proteínas) con outras moléculas, que se unen utilizando unha reacción dinámica que transcorre en auga e funciona de maneira rápida e eficiente, ao tempo que é reversible, o que significa que o vehículo autoinmólase unha vez cumprida a súa función.

Os investigadores da Universidade de Santiago xa constataron que o seu modelo funciona en animais, presentando máxima eficiencia e sen toxicidade. Agora están a probar se é eficaz con proteínas de coronavirus, se xera anticorpos específicos para proteínas do SARS-CoV-2. O seguinte paso será comprobar se os anticorpos son neutralizantes para o virus, respecto ao que Montenegro se manifesta “moderadamente optimista”. A finalidade é que esta tecnoloxía sexa eficaz para o desenvolvemento dunha tecnoloxía xeral de vacinación para o SARS-CoV-2 e para calquera antíxeno emerxente baseada no ARN mensaxeiro e “cento por cento galega”.

Por outro lado, os investigadores salientan que, no caso de que apareza unha nova familia de coronavirus, sería posible replicar a súa estrutura con rapidez e desenvolver unha nova vacina. E isto sería aplicable a todo tipo de virus porque a proteína que expresa a molécula mensaxeira é exactamente a do antíxeno.

MICROMECENADO

“O micromecenado é moi importante para poder facer investigación pública, en particular cando os resultados da mesma repercuten en toda a sociedade, como é o caso da pandemia que estamos a sufrir. A nosa sociedade vaise enfrontar a grandes problemas de saúde pública, enerxéticos e ambientais e o labor da I+D é fundamental” -afirma o investigador principal deste proxecto-.

Crean moléculas eficaces como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a...