sábado. 23.11.2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este sábado a colaboración do Goberno galego coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (Afaga) para a apertura na cidade do primeiro Centro de Innovación de Alzheimer de Galicia.

“Estou convencida de que este paso que damos hoxe vai supoñer un antes e un despois na resposta ás persoas que padecen esta enfermidade e contade como ata agora coa Xunta de Galicia para levar a cabo o encomiable traballo que realizades”, sinalou a responsable autonómica.

Situado na rúa Faisán de Vigo (entre o Centro de Saúde da Dobrada e o Equipo de Valoración e Orientación -EVO-, da Consellería de Política Social), o novo centro de Afaga ocupa un espazo a pé de rúa de algo máis de 500 metros cadrados cedido pola Xunta.

Con capacidade para atender a 39 persoas en cada unha das dúas quendas (mañá e tarde), as instalacións dispoñen, entre outros espazos, de distintas salas polivalentes para o uso de novas tecnoloxías como, por exemplo, a realidade virtual inmersiva aplicada á fisioterapia, ademais de contar cunha terraza exterior e un horto terapéutico.

Ana Ortiz destacou durante a súa intervención o gran labor de Afaga durante os últimos 30 anos e puxo en valor a innovación en terapias que desde este centro están a dirixirse a atender a novos perfís emerxentes na sociedade. A Administración autonómica oferta máis de medio milleiro de prazas públicas nos centros de día que xestiona as asociacións que forman parte de Afaga.

A delegada territorial, acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevera, Luisa Sánchez; o secretario territorial, Fernando González Abeijón, e a xefa territorial de Política Social, Ángeles Rouco, realizaron unha visita guiada ás novas instalacións, durante a cal se interesaron polos innovadores programas, terapias e actividades que Afaga desenvolve no novo centro. 

Apertura en Vigo do primeiro Centro de Innovación de Alzheimer de Galicia
Comentarios