viernes. 22.11.2024
Galicia

Acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2023

Intervención do presidente da Xunta de Galicia

Señor presidente do Parlamento de Galicia,

Señora Alcaldesa de Santiago de Compostela,

Señor Delegado do Goberno en Galicia,

Señor Xeneral Xefe do Mando de Apoio á Manobra,

Señor Arcebispo de Santiago de Compostela,

Vicepresidente primeiro, vicepresidenta segunda e restantes membros do Goberno de Galicia,

Vicepresidenta primeira da mesa do Parlamento de Galicia e restantes membros da mesa do Parlamento,

Parlamentarios do Parlamento de Galicia e parlamentarios no Congreso e no Senado,

Presidentas e presidentes dos órganos estatutarios,

Señor presidente da Real Academia Galega,

Señor xeneral xefe da Garda Civil en Galicia,

Señor xefe superior de Policía de Galicia,

Señor inspector xefe da Policía Autonómica,

Restantes autoridades,

Anteriores premiados coa Medalla de Ouro de Galicia,

Señoras e señores, 

Adoitase dicir, en efecto, que ninguén é profeta na súa terra. O profeta, que é tanto como dicir a persoa de mérito, necesitaría afastarse para obter o aplauso dos seus. As mulleres e os homes meritorios serían, polo tanto, exiliados que logran a admiración dos foráneos, pero que só mais tarde, e ás veces, xa demasiado tarde, conseguen o premio dos seus compatriotas, os que mellor deberían coñecelos e aprecialos.

É certo que a emigración foi unha forma de exilio e é certo tamén que moitas das capacidades dos galegos floreceron soamente cando estaban lonxe da terra. Pero a nova Galicia que xurde da man da democracia e o autogoberno empezou a ser quen de recoñecer aos “bos e xenerosos” que tiñan moito máis cerca do que pensaba.  

A Galicia dos nosos días non é un atranco para que os investigadores, os creadores ou os artistas teñan que superar obstáculos para facerse presentes no mundo, senón que somos un lugar propicio para que as iniciativas florezan aquí e no resto do mundo. 

Isto é así debido a unha concepción da galeguidade que non entende de fronteiras e que adapta permanentemente o ser de Galicia ao cambio, ás innovacións e ás correntes que fan xirar a cultura universal.  

Velaí a explicación a un fenómeno que empezamos a considerar normal pero que ten moito de excepcional.  

Refírome á capacidade que temos para ocupar unha posición privilexiada na cultura universal, malia ser unha comunidade nin moi grande nin moi poboada sobre todo se a comparamos con outros moitos lugares do mundo. Pero sería case imposible buscar un pobo das nosas dimensións que teña unha proxección tan universal e tan intensa ao longo da nosa historia. 

As Medallas de Ouro de Galicia que entregamos hoxe teñen máis que nunca unha partitura musical que é galega e que tamén é internacional. Todo ao mesmo tempo e todo con moita intensidade.  

Nos tres galardoados ben podemos ver os herdeiros daqueles xograres e trobeiros que, na Galicia medieval, hai tantos séculos, estableceron xa un dos primeiros alicerces da música e da literatura galega e tamén europea. Fixérono recollendo tradicións locais e facéndose eco tamén daquelas épocas, dos estilos provenzais que entón estaban tan en boga.  

Aquelas cantigas son a expresión do vigor cultural e musical dun pobo que, séculos despois, se manifesta en todo o seu esplendor, con toda a súa potencia e facéndonos sentir moi orgullosos en Luz Casal, en Juan Pardo e en Carlos Núñez, os nosos galardoados de hoxe.

“Saber cantar non abonda para ser unha boa intérprete; tamén hai que saber transmitir as emocións, como fixeron Bárbara, Dalida ou María Callas; ti es unha delas”. Estas palabras non son miñas, son da ministra francesa de Cultura e están dirixidas a Luz Casal, que hai un mes recibiu o seu nomeamento como Comendadora das Artes de Francia. 

Non sei se a ministra escoitou a súa versión de Negra Sombra, pero se a escoitara daríase conta que nesa canción se verte toda a emoción da alma galega que ten Luz Casal, que é a alma galega que deberiamos ter todos. É unha alma galega capaz de converterse nunha voz que engaiolou ao público francés ata convertela nunha das súas intérpretes favoritas. 

Luz Casal leva moitos anos demostrando que a música, a boa música, activa os mellores sentimentos dos seres humanos, con independencia de onde vivan e onde pensen. Estou seguro de que ter nacido en Boimorto, e volver despois a Boimorto e darlle todo ese realce co Festival da Luz, marca a senda musical da nosa artista. Esta é unha medalla especial, así o agardo, que se une ás moitísimas distincións que Luz Casal xa ten, pero esta é especial porque lla damos os seus para unha das nosas. 

Son innumerables as letras e cancións que foron fitos desde hai moitos anos na historia da música española. Todas elas concibíronse na aldea de Remesar, no concello da Estrada. En todas elas actuaba como anfitrión, como mentor e como impulsor un ferrolán chamado Juan Pardo, outro exemplo desa Galicia que é territorio tan propicio para a creación.  

Ese anaco de Galicia no que Juan Pardo viviu e creou, foi definido por el mesmo como un lugar de “cincuenta habitantes pero tamén de cincuenta amigos”. 

Galicia é igualmente unha comunidade amigable que valora moi especialmente a unidade, esa unidade que Juan Pardo louva, por exemplo, en Xuntos, un himno a prol da xuntanza galega que nos anima a ser como ese Remesar no que el gozou dun entorno grato e inspirador. 

Tamén outros himnos, porque ten moitos na súa traxectoria musical, dunha lírica moi intensa, como a Anduriña que emocionou ao propio Picasso ata o punto de levalo a ilustrar a portada do disco.

A música entendida como feliz mestura de tendencias e estilos está presente, por suposto, no terceiro galardoado, en Carlos Núñez. Está presente desde que era moi novo.  

Non hai músicas que Carlos Núñez non poida e non queira combinar. Non hai síntese musical que se lle resista desde que, con só 12 anos, actuou coa Orquestra Sinfónica de Lorient. 

Son mais dun millón de discos vendidos onde os amantes da música atopamos todo tipo de fusións e experimentos que sempre saíron ben e que sempre foron afortunados. Non existen estilos, por afastados que parezan, que non poidan ser irmandados coa arte de Carlos Núñez.  

O punto de partida é a música celta, a gaita e a frauta, das que saca esas notas e esas melodías marabillosas e tamén son o punto de chegada a unha nova realidade musical que sempre logra conectarnos. 

Moitas grazas aos tres. Moitas grazas polo esforzo e pola honra que nos facedes recollendo estas medallas neste ano de ton especialmente musical que lle queriamos dar ás Medallas, que son o reflexo da inmensa cultura e do inmenso talento que hai en Galicia e que había que recoñecer. 

Señoras e señores, dicía o poeta Manuel María dicía que Galicia é a terra, o mar e o vento, pero que tamén “hai outra Galicia que vai no sentimento”. Non hai mellor intérprete dese sentimento que a música. A música escoitámola xuntos, cantámola xuntos e sentímola xuntos.  

Luz Casal, Juan Pardo e Carlos Núñez son intérpretes dun pobo e dun tempo. Dun pobo inmenso e dun tempo longo. Representan esa Galicia fiel a si mesma que nunca renuncia a facerse presente a outros públicos, e tamén nunca renuncia a asimilar outras culturas para seguir enriquecéndose.  

Grazas a mulleres e homes coma eles, a Galicia que celebramos o 25 de Xullo é cada vez mais grande e ten cada vez menos límites se é que algunha vez os tivo.  

Galicia soa ben, hoxe mellor que nunca. Galicia é unha comunidade harmoniosa e afinada.  

Moitas grazas aos tres, feliz Día de Galicia, parabéns especiais en nome de todos os galegos e todas as galegas.

Moitas grazas.
Comentarios
Acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia 2023