jueves. 26.12.2024

Cristovo Colón é un personaxe histórico suficientemente coñecido e  controvertido. Pero poucos foron os que puxeron o foco na súa dimensión relixiosa e na influencia no seu espírito de conquista. Luís Pose Regueira acaba de publicar o libro Cristóbal Colón: primer evangelizador de América (Estudio histórico). Colón persoa implicada na evanxelización do Novo Mundo, a súa relación co Papa, a súa visión catequética...Pose Regueiro achéganos a un aspecto case descoñecido desta figura poliédrica chea de luces e sombras.

Para este recente historiador Colón era así, segundo frase do seu libro: “(...) inquieto y soñador navegante, de fuerte sensibilidad religiosa y notable capacidad cultural (...)”.

“Esas notas defíneno bastante ben e dun xeito completo. O navegante todo o mundo o ten na mente. Soñador, efectivamente, el respondía a un soño de reconectar o afastado Oriente e foi un soño que o impulsou a semellante aventura. O que, quizais, é menos coñecido é  a súa forte sensibilidade relixiosa e tamén a súa formación cultural. Á  xente chámalle a atención o ben que escribía, as citas que facía de libros en latín e outros. A súa formación cultural relixiosa era a propia da época. Pero, efectivamente, chama a atención a súa sensibilidade que eu chamaría ata eclesiástica”, contesta rápido.

RESPONSABILIDADE ECLESIAL

No libro aparece esta expresión, “responsabilidade eclesial”. E explica Pose Regueiro que “unha cousa é ser relixioso, ser crente, e outra vincularse ou sentir un vínculo coa comunidade, coa Igrexa. É non só sentido, senón sentir unha responsabilidade de ter unha tarefa dentro desta comunidade da Igrexa.  Chamoume a atención con Cristovo Colón, non só a vinculación coa Igrexa que podería ser normal nun ambiente de Cristiandade, senón unha implicación persoal coa que el se sente responsable da evanxelización”.

“O libro serviume para iniciarme no mundo da investigación histórica porque eu, ata hai tres anos, era un profano, un afeccionado que, de cando en vez, lía algunha novela histórica", explica Luís Pose.

“Isto conecta tamén co espírito do Padroado Real onde as autoridades civís tiñan unha responsabilidade eclesial, aínda que había uns representantes relixiosos. As civís, como os reis, tiñan un poder e unha responsabilidade de velar pola salvación dos seus súbditos. Por iso, implicábanse na relixión. Colón viviuno así”.  

Incluso nesa vinculación chegou a tratar co Papa. “Tivo relación, primeiro, con Alexandre VI. Na súa etapa pública, de 1492 ata 1506, relaciónase con este Papa español. Ao remate da súa vida, Alexandre VI estaba a morrer e chega Xulio II, con que non tivo a mesma relación. En cambio, con Alexandre VI tiña relación epistolar. Enviáballe cartas e recibía novas do Papa que estaba moi interesado en como ían os acontecementos. Nunha das cartas que lle escribe Colón ao Papa aínda lle pide desculpas por non escribirlle antes...Dille: sei que está vostede moi interesado pero non podía escribir...Había, realmente, un interese e unha correspondencia. Tampouco é que fosen íntimos ou amigos, pero existía esa relación epistolar”.

RELIXIOSIDADE

O miolo do seu libro está nesa singular relixiosidade de Cristovo Colón que vostede soubo percibir quizais tamén pola súa condición de sacerdote católico.

“Esta faceta da súa relixiosidade é descoñecida. Houbo algún autor antigo, como o conde Roselly de Lorgues, en Francia, que se fixou tamén nesta perspectiva de Cristovo Colón. O que ocorre é que é unha perspectiva máis limitada, pois non dispoñía de tantas fontes, estudos...E a súa visión era moi apoloxética. Buscaba enxalzar o personaxe esquecendo que nel había partes escuras. Por iso a súa perspectiva relixiosa era un pouco descoidada ou moi descoidada, desde o meu punto de vista”.

“Isto pareceume moi interesante. Sobre todo unha persoa que non era evanxelizador institucional. Había misioneiros, pero el [Colón] toma a dirección deste proceso. Así o vexo eu, apoiándome nos textos".

Eu fixeime niso porque cada un mira as cousas desde a súa perspectiva. Un sacerdote estudando Historia da Igrexa de repente atopa cousas aí que lle chamaron a atención e que a outros lles pasaron desapercibidas. Empecei a tirar do fío e atopo un Cristovo Colón non só navegante, non só aventureiro, senón evanxelizador. E sigo tirando e atopo máis pistas, e ao final chego á conclusión de que o tema evanxelizador non só era fundamental, senón que, eu creo, era o principal. Á vez estaba a conquista de terras, riqueza, pero se tivese que escoller un tema que o moveu a esa aventura foi o da evanxelización, entendida como a concibían naquel intre”.  

ESPÍRITO DE CRUZADOS

O autor de Cristóbal Colón: Primer evangelizador de América...alude ao ambiente de “espírito de cruzados” que vivía Colón e os seus coetáneos.

“Claro, estamos en pleno século XV. En 1454, os turcos, o Imperio Otomán en expansión cara ao Occidente. Conquistan Constantinopla e seguen a avanzar contra o mundo cristián Occidental. Estamos nun intre de máxima tensión entre o mundo cristián e o mundo musulmán otomán. Ou sexa, que o espírito de cruzada esta latente, vivo”.

“No fondo –segue Pose Regueiro- a expansión de Portugal e España era cara a Oriente. Buscaban non só riqueza senón que buscaban aliados para combater ese Islam desafiante que estaba ameazando a Europa. Efectivamente, Colón tamén participa dese espírito de cruzada. O imperio turco, os turcos como lle chamaban, estannos ameazando e conquistando. Temos que reaccionar e non só defendernos senón que temos que dar un paso á fronte e reconquistar a Terra Santa, a terra de Xesús. Porque estaban nun momento de ameaza. O imperio turco tiña unha actitude –aínda que non sempre os musulmáns tiñan unha actitude hostil cara aos peregrinos cristiáns- de gran animadversión. Por iso había un desexo de recuperar a Terra Santa e participar deste espírito. Eu creo, e é digno del, que o obxectivo de contactar cos reis de Oriente, co Gran Kan (emperador), era para buscar un aliado político e relixioso para combater o  Islam e reconquistar Terra Santa”.

AS SOMBRAS

No libro e no estudo Pose Regueiro recoñece tamén as sombras –a escravitude e a xustiza severa- deste personaxe que foi Cristovo Colón. “Polo que din as fontes e polo que vexo, Colón era un bo católico do seu tempo. E aínda que os valores do evanxeo son universais e atemporais para todos os tempos e todas as culturas, vaise entendendo e vivindo segundo as circunstancias. Naquel momento a escravitude ou unha xustiza severa e a pena de morte eran asumidas como algo normal. Aínda que había cristiáns co evanxeo na man e dicían...iso non se corresponde. No ambiente socio-cultural da época era normal. Non chamaba a atención”.

"Creo que Colón era un bo católico do seu tempo, no sentido de que el vivía con paixón a fe e o ensino dela, pero, sendo fillo do seu tempo".

“A escravitude apróbase en certas circunstancias. Non se podía escravizar calquera. Tiña uns certos límites. Mais era escravitude. E a xustiza era aplicada dun xeito severo. Se había que cortar...algo...a alguén ou colgalo, non se dubidaba. En fin, isto non se correspondía co que nos ensinou Xesús. En certas circunstancias, digamos, era aceptado socialmente”.

“Insisto en que eu creo que Colón era un bo católico do seu tempo, no sentido de que el vivía con paixón a fe e o ensino dela, pero, sendo fillo do seu tempo. El tamén participaba deses costumes que, sendo honestos, no se correspondían co Evanxeo. Por iso que falar dunha posible beatificación de Colón seméllaseme un pouco excesivo. Pero isto non quita –como dicía o duro Bartolomé de las Casas- que Cristovo Colón tiña estes fallos e ignorou cousas moi importantes, pero a súa rectitude de intención, dedicación humana e cristiá é incuestionable, pero coas súas sombras que eu tamén creo que as tiña”.

PEDAGOXÍA CATEQUIZANTE

Fala vostede no libro dunha certa pedagoxía catequizante e evolucionadora. “Chamoume moitísimo a atención. Na historia un atópase con tantas sorpresas...”, e sorrí pensando o que vai contar a continuación. “Sorpresas de cousas que xa se facían séculos atrás...”.

“Na evanxelización –aínda que se lle chamaba conversión ou extensión da fe-, o proceso normalmente era ensinar, a través dun ensino memorístico. Contactábase cuns indíxenas, cuns nativos que descoñecían o evanxeo...Curioso! Non se lles impoñía a fe obrigatoriamente. Non! É certo que se conquistaban e obrigábanse a que se respectase a predicación e a escoitar tanto se se querían converter coma se non. Iso era opcional! A obriga só era escoitar a predicación. Como predicaban? Nos momentos de Colón, a lingua aínda esta fixándose...Entón facían repetir xestos como adorar a cruz, repetir oracións como o Ave María, o Credo ou o Pater noster, en latín, claro...Os nativos dalgún xeito entendían iso, ou imitaban e ían aprendendo memoristicamente. Pero o propio Colón, e así o expresa, dáse conta de que iso non serve para moito...Porque se os nativos non entenden o que é a fe e non se senten parte dela, non serve de moito. E nese momento, efectivamente, hai un xiro pedagóxico. Colón insiste en que non fan falta grandes teólogos. O que fai falta e que haxa alguén que lles explique a Historia da Salvación –así o di- e que se sintan parte dela. E incluso lles dá protagonismo aos evanxelizadores, os misioneiros, para que se conte con eles. Frea ese bautizade para adiante! Colón di que non. Ata que non saiban o básico que non se bauticen e que transcorra un tempo prudencial. Porque, ás veces, bautizábanse enseguida, pero despois esquecíanse e volvían á vida pagá. Colón insiste en que aprendan as cousas memoristicamente, pero logo hai un xiro e engade tamén que entendan ese ser parte da Historia da Salvación”.

“Isto pareceume moi interesante. Sobre todo unha persoa que non era evanxelizador institucional. Había misioneiros, pero el toma a dirección deste proceso. Así o vexo eu, apoiándome nos textos".

ORIXES MISTERIOSOS

Cristovo Colón é una figura histórica da que se sabe moito da súa vida publica pero que a etapa anterior a 1477 é algo misteriosa en relación ás súas orixes.

“El mesmo promove ese misterio. O propio fillo, Hernando Colón, cando escribe a vida do seu pai, di que el mesmo quixo que as súas orixes fosen descoñecidas, misteriosas. Só unha vez di, nuns papeis importantes como é un documento de morgado: -Eu fun nado en Xénova... Si, neste momento afírmao, pero despois non o di endexamais. Todo arredor del dá por feito que era de Xénova, pero queda misteriosa a cousa. Dá a sensación como –sen querer eu ser ‘conspiranoico’, aclara Pose- que el se sente cómodo con esa personalidade. Algo como: Si, din que son de Xénova como para que o deixen en paz...e imos ao importante...”, caricaturiza o autor deste libro.

"Os defensores da tese do Colón galego observan que moitos dos nomes que lles pon aos lugares do Novo Mundo están relacionados con Galicia”.

“El si que mantén no misterio as súas orixes. Antes de 1476 hai moi poucas pistas. A teoría xeral di que naceu en Xénova,  sobre 1450, pero hai bastantes cousas que non  cadran. A lingua na que Colón se expresa  continuamente é o castelán da época con moitos xiros galego-portugueses. Isto chama a atención. A única vez que se expresa en italiano é nunha carta moi reducida...e nun italiano pobrísimo. Realmente ese home pensaba e expresábase en castelán antigo con moitos xiros galego-portugueses. Tamén en canto á data ábrense outros interrogantes cando morreu en 1506. Hai referencia del e de contemporáneos que din que, cando morreu en 1506, tiña sobre 70 anos. Isto nos leva a 1435 máis ou menos, ou sexa 15 anos antes. Así a teoría clásica-xenovesa sitúa o seu nacemento sobre 1450-51, pero hai pistas coma as anteriores que fan pensar que naceu antes...Outro aspecto é a toponimia. Os defensores da tese do Colón galego observan que moitos dos nomes que lles pon aos lugares do Novo Mundo están relacionados con Galicia”.

“A cuestión é que a orixe xenovesa deixa bastantes lagoas. Iso abre o campo a outras teorías...e algunhas peregrinas...e outras con pouco fundamento”.

E engade: “En concreto a teoría do Colón galego ten bastante fundamento...Pero, eu, evidentemente, no libro non entro nestas cuestións. Digo que as súas orixes son misteriosas, que hai esta teoría xeral xenovesa coas súas lagoas e que hai outras, e algunhas con máis peso e outras con bastante menos”.

AVENTURA DE PORTUGAL E ESPAÑA

Colón móvese entre Portugal e España buscando o apoio á súa aventura. “Arredor de 1476/7 empezamos a poder seguirlle a pista documental. Entón está en Portugal, participando xa en navegacións..Portugal, nese momento, estaba xa en expansión avanzada cara ao Sur, a África. Pero tamén cara ao Norte, buscando o comercio oceánico en dirección a Inglaterra e aínda Islandia, xa que nesas datas xa navegan a estes lugares. Colón participa dese espírito navegante e expansivo portugués. Por outra banda, o seu sogro, o pai da súa dona Filipa de Moniz de Perestrelo, era gobernador da Illa de Porto Santo, en Madeira. Ademais estivera ao servizo de Enrique O Navegante, nada menos! Outro gran personaxe que ten moitas semellanzas con Cristovo Colón. Hai un testemuño que afirma que recibiu os papeis, as cartas do seu sogro, isto é dun colaborador de Enrique O Navegante”.

“É dicir, Colón participa dese espírito de navegación e expansión. Ademais coñece a carta de Toscanelli, un sabio italiano que lle escribe a un cóengo de Lisboa, en 1474, explicándolle o proxecto de ir a Oriente por Occidente. Isto é, en lugar de dar a volta por África, cruzar o Océano Atlántico, o chamado Mar Tenebroso, para chegar antes. Ou sexa, Colón non inventa esa idea, Colón recóllea e convéncese de que é posible, coa súa tenacidade. O que ocorre é que non consegue convencer o rei de Portugal, Xoán II. Explícalle o proxecto pero non cren nel, toda unha xunta de sabios o rexeita. En 1485 cruza a fronteira e vén para España, a Castela, e intenta convencer. Cústalle nada menos que 7 anos de teimosía, de paciencia, para convencer os sabios e os reis de que é posible esa aventura de chegar a Oriente por Occidente. Entón aquel proxecto que se xestou en Portugal pasa e desenvolvese, ao non ter acollemento luso, en Castela onde custa moito, pero finalmente deciden darlle un voto de confianza. Ese é Cristovo Colón, un home entre dous mundos, Portugal e España”.

"Gústame moito sentirme parte da historia e de atopar personaxes e situacións que me fan sentirme humilde, agradecido e responsable tamén desta Historia”.

“Vese nos seus procesos evanxelizadores –que trato no libro- a traxectoria de Portugal e a de Castela, en Canarias, dalgunha maneira, como se fusionan  e consolidan en Colón en quen se percibe que coñecía algo deses procesos”.  

Temos entendido que houbo unha gran relación de Colón cos franciscanos de A Rábida. “Teñen un papel chave. Eles son os que acollen a Colón, cando marcha de Portugal para Castela. Semella que chega en condicións case de indixencia...Cristovo Colón chega co seu fillo pequeno, Diego, e viúvo de dona Filipa Moniz. A súa chegada é como de escapado e son, precisamente, os monxes da Rábida, en Palos da Frontera. quen o axudan”.

O navegante non só atopa acollida caritativa senón que encontra uns personaxes, como Antonio Marchena e Juan Pérez, que lle brindan un acollemento de interese. Isto é, escóitano, cren no seu proxecto e axúdanlle a conectar con outros nobres e coa propia Casa Real. Estes franciscanos da Rábida -curioso!- estaban en contacto coa evanxelización das Canarias. Toda a experiencia de conquista e evanxelización das Canarias fíltrase a Colón. Evidentemente, cos franciscanos ten unha relación moi próxima, moi intensa, aínda, de dirección espiritual. E estes axúdanlle a conectar coa Corte Real. Ademais aí entra en contacto con outros personaxes relixiosos de distintas ordes como dominicos, xerónimos...Colón tiña trato con todas as ordes relixiosas. Tamén isto é curioso!”.

Luís Pose Regueiro viviu unha experiencia transformadora coa publicación deste libro 'Cristóbal Colón: Primer evangelizador de América' que corresponde basicamente á súa tese de Licenciatura, defendida en xuño de 2020, en Roma.

“O libro serviume para iniciarme no mundo da investigación histórica porque eu, ata hai tres anos, era un profano, un afeccionado que, de cando en vez, lía algunha novela histórica. Pero, por circunstancias, enviáronme a estudar a Roma e accedín gustoso pero un pouco temeroso de onde me ía meter...Esta investigación axudoume a meterme de cheo no gusto pola investigación histórica. Na que un leva sorpresas e na que un é axudado a sentirse humilde”.

“Cando un estuda Historia con mente aberta, buscando as fontes e abríndose, fai descubrimentos sorprendentes que te fan sentir humilde e parte dun proceso marabilloso –tamén hai episodios moi tristes- que mostran que somos parte dunha cadea. Ás veces cremos que estamos no cumio...cando esas cousas, ao mellor, xa están inventadas. Gústame moito sentirme parte da historia e de atopar personaxes e situacións que me fan sentirme humilde, agradecido e responsable tamén desta Historia”.

“Outra cousa que me gustou moito deste proceso foi o contacto coas fontes. Por iso quixen ofrecer as fontes tamén ao lector. Porque, ás veces, alongámonos con discursos disto foi así, este fixo aquilo...e de onde sae iso? É un acto de fe que eu teño que crer ou onde podo atopar esas fontes. E, ás veces, é complicado. Por iso, valorei moito o contacto coas fontes. E por iso quixen ofrecelas ao lector e o libro é un compendio de moitas fontes”.

“Outra cousa que me gustou moito deste proceso foi o contacto coas fontes. Por iso quixen ofrecer as fontes tamén ao lector", afirma Luís Pose.

E para rematar completa. “Para min foi unha lección moi interesante. Coñecín a Historia. Non desde o que digan outros senón desde os testemuños da historia viva que tamén, evidentemente, son interpretables. Polo menos son os testemuños da Historia para coñecelos e dalos a coñecer”. 

"Isto gustoume coma aventura pero non só intelectual, senón tamén para sentirme parte da Historia”.

Poderiamos seguir a conversa durante horas. Luís Pose é un bo conversador e percíbese que vive a Historia. O seu sorriso cando vai expoñer algo evidencia esta actitude. A súa aportación da relixiosidade de Colón era ata agora un terreo inexplorado. Agardamos que este libro nos una máis a Portugal por compartir a evanxelización e que sirva para valorar con máis precisión a figura deste personaxe que foi Cristovo Colón.

Luís Pose Regueiro, autor de 'Cristóbal Colón: Primer evangelizador de América': “O...