viernes. 26.04.2024

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) e Atresmedia lanzan unha plataforma formativa de ciencia e tecnoloxía, en colaboración coa empresa Ceo Aberto, especializada na educación e divulgación científica. Esta plataforma de aprendizaxe online, denominada STEAMbites, vaise desenvolver desde o Parque para todo o ámbito nacional. Pártese da ampla experiencia de Tecnópole no eido da formación científica, tanto presencial como en liña.

Esta iniciativa vai dirixida a rapaces de 8 a 16 anos interesados en afondar nos seus coñecementos no eido da ciencia e a tecnoloxía. Esta proposta, que xorde como unha alternativa á formación tradicional, emprega un modelo educativo no que se traballa por proxectos, con materias que comparten coñecementos. De aí nace o concepto STEAM, acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas. Así, STEAMbites parte dunha metodoloxía “learn by doing” (“aprender facendo”), baseada na experiencia práctica para adentrarse en contidos STEAM.

Os alumnos recibirán nas súas casas un kit con materiais científicos

Os alumnos terán á súa disposición un kit con materiais específicos para que eles mesmos poidan experimentar, manipular e realizar nas súas casas as diferentes propostas e retos didácticos que os mestres lles irán propoñendo. O kit permite garantir unha formación totalmente activa, xa que, durante a transmisión online, os participantes poderán realizar as experiencias amosadas de xeito simultáneo co seu profesor. Este kit inclúe un microordenador con diversos complementos, paper crafts para a creación de proxectos de ciencia e materiais de laboratorio para o desenvolvemento de proxectos científicos.

O lanzamento desta plataforma arranca con dous cursos, que comezan o 2 de outubro e rematan o 17 de decembro. Por un lado, STEAM 101, de iniciación ao STEAM, diríxese a mozos de 12 a 16 anos. Pola súa parte, STEAM KIDS está enfocado para nenos de 8 a 12 anos. Cada semana os estudantes terán acceso a tres horas de novos contidos, que combinarán con retransmisións por streaming e clases gravadas con materiais descargables. Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Para mozos de 12 a 16 anos

Os participantes no curso STEAM 101 adentraranse, entre outras materias, en ciberseguridade e hacking ético, programación de microordenadores ou deseño 3D. Aprenderán, ademais, a crear as súas propias aplicacións para móbil de xeito rápido e sinxelo, ao tempo que descubrirán o mundo da realidade aumentada e virtual, e mesmo se achegarán á cociña molecular.

Para nenos de 8 a 12 anos

Os participantes no curso STEAM KIDS iniciaranse, partindo do entretemento, na programación a través de Microbit e nos coñecementos matemáticos e científicos de Minecraft. Convertiranse tamén en construtores dos seus propios prototipos mediante ferramentas 3D e introduciranse no mundo maker a partir de circuítos con plastilina, postais luminosas, stop motion e hologramas.

O equipo de profesores está integrado por científicos, expertos en comunicación e programadores

Estas dúas primeiras propostas formativas contan cun equipo pedagóxico que adaptou os contidos á idade e nivel académico dos participantes. Cunha dilatada experiencia en divulgación científica e tecnolóxica, reúne a científicos, expertos en comunicación e programadores. Os estudantes terán unha titorización individualizada e os profesores acompañaranos durante todo o proceso de aprendizaxe. A matrícula nestes cursos está aberta na páxina web www.steambit.es.  

Plataforma educativa online de ciencia e tecnoloxía