viernes. 26.04.2024

A Xunta publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, a través das que achega 170.000 euros a 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e da música de Galicia. Dáse así resposta á totalidade de solicitudes que cumpriron os requisitos destas axudas, que este ano adaptaron as súas bases no marco do Plan autonómico para a reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19.

A consellería de Cultura e Turismo modificou o texto da convocatoria de 2020 para contribuír a axilizar o financiamento de accións executadas con anterioridade ao estado de alarma pola emerxencia sanitaria, concretamente as que tiveron lugar entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020.

A contía global adxudicada corresponde á suma de todas as subvencións solicitadas por empresas culturais galegas nas dúas modalidades principais desta liña de axudas (artes escénicas e música), con diferentes subcategorías segundo o tipo de iniciativas desenvolvidas fóra de Galicia: distribución de espectáculos, actuacións en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais. No caso da escena, apoiase así mesmo a distribución en escenarios galegos.

A prioridade desta convocatoria anual é favorecer a proxección exterior das industrias culturais galegas, cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do seu traballo.

XIRAS INTERNACIONAIS

Así, entre as 43 propostas subvencionadas na modalidade A de artes escénicas, por un importe global de preto de 70.000 euros, atópanse as xiras por diferentes escenarios españois dos espectáculos Orquesta de malabares, de Pistacatro; Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro; Pink Unicorns, de La Macana; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, ou Elisa e Marcela, de A Panadaría, así como a presenza en Ecuador de O Retrete de Dorian Grey e a participación de compañías galegas en diferentes festivais, como é o caso de Elefante Elegante en MadFeria de Madrid ou Pistacatro e Os Monicreques de Kukas no FETEN de Xixón. Na cita asturiana estivo tamén Xampatito Pato dentro do seu amplo percorrido por diferentes mostras españolas como Circostrada e Festival en la Cuerda Floja de Cantabria, Malabahria de Lanzarote, Circat de Pollença (Mallorca), Zircozaure de Bilabo, Teatrea da Rioxa ou o encontro da federación CircorRED.

No apartado B de música son 24 as iniciativas subvencionadas con 100.320 euros en total. Entre elas, a xira que Sumrrá desenvolveu o ano pasado en China, o tour europeo de Heredeiros da Crus, as actuacións en Suramérica de Xabier Díaz Trío ou Ses, a de Uxía no Festival Ahoje é Ahoje de Maputo (Mozambique) ou a de Davide Salvado na Wiener Konzerthausn de Viena (Austria).

170.000 euros a 67 iniciativas de proxección interior e exterior das artes escénicas e...