viernes. 26.04.2024

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases e convocatoria da segunda edición do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as, impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obxectivo do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia que fai posible unha Administración autonómica máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.

Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI) que ten como obxectivo consolidar Galicia como un referente no emprego deste instrumento, a CPI, que fomenta a innovación a través da contratación pública. Precisamente, un dos obxectivos deste programa é formar ao persoal da Xunta de Galicia e doutras Administracións Públicas no uso desta ferramenta para contar con organizacións públicas innovadoras orientadas aos usuarios e capaces de anticiparse ao mercado.

Conscientes do importante papel que xogan as persoas na construción da innovación nas organizacións, Gain convoca a segunda edición deste premio co obxectivo de sensibilizar e incentivar o uso da innovación para a mellora dos servizos públicos e a optimización na xestión dos mesmos.

Poderá presentarse a este certame todo o persoal funcionario e laboral ao servizo das seguintes entidades do sector público autonómico: a Administración Xeral da Comunidade Autónoma, as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos), así como as universidades públicas galegas.

O concurso consta de dúas categorías: identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se deberá identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso, na que os participantes deberán describir o proxecto (proceso, puntos fundamentais e carácter innovador).

As candidaturas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 15 de setembro, e os premios serán de 2.000 euros para quen gañe individualmente e 3.000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas. A Dirección Xeral de Función Pública incluirá o premio como un criterio de avaliación para o recoñecemento da carreira profesional do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

O comité de avaliación terá en conta, na primeira categoría, o interese e relevancia da oportunidade identificada, o impacto sobre a contorna e efecto dinamizador, a posibilidade de levala á práctica e a orixinalidade na presentación da proposta. Pola súa parte, na segunda categoría, o comité valorará os avances substanciais do proxecto fronte a outras posibles solucións, o seu impacto sobre o escenario actual, a calidade, capacidade e compromiso do equipo promotor, a súa replicabilidade e a orixinalidade na presentación do proxecto.

II Premio Empregados Públicos Innovadores