viernes. 26.04.2024

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, reuníronse esta mañá por videoconferencia cos reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC); aos que pediron homoxeneidade nos criterios, nas fórmulas e no calendario de avaliación deste fin de curso 2019/2020. Na xuntanza participou tamén o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López.

Carmen Pomar puxo en valor o labor das tres universidades galegas, que nas últimas semanas formularon unha enorme cantidade de normativa relacionada co Covid-19. Así mesmo, valorou o esforzo realizado para mellorar as capacidades tecnolóxicas do sistema e de formación do profesorado; así como a adaptación do persoal docente investigador ás novas necesidades.

Unha vez realizado este traballo, e de acordo coa liña de estreita colaboración e coordinación que veñen mantendo a Consellería e o SUG nas últimas semanas, a conselleira sinalou que é necesario unir criterios no referido aos sistemas de avaliación (presencial, non presencial), calendario de exames, prazos para a entrega dos traballos finais de grao e de máster (TFG e TFM, respectivamente), ou realización das prácticas, entre outras cuestións.

Tendo en conta que as tres institucións académicas aprobarán nos vindeiros días nos seus respectivos Consellos de Goberno as diferentes instrucións de avaliación, Pomar insistiu en que é necesario garantir que todo o alumnado que cursa estudos no Sistema Universitario de Galicia (SUG) sexa tratado dunha forma equitativa. Máis se se considera que hai titulacións que se imparten nos diferentes campus das tres universidades e que deberían axustarse a criterios similares.

Isto implica, tal e como explicou a conselleira, que os tres Reitorados poñan en común cuestións como os modelos de exame, a viabilidade de que as avaliacións sexan virtuais ou as alternativas que se poden ofrecer ao alumnado, para acadar medidas cun alto grao de coincidencia. Así mesmo, recordóuselles aos reitores que se poden empregar os meses de xullo e setembro completos para as probas de avaliación; evitando en calquera caso a acumulación e a saturación dos estudantes nunha situación que é totalmente nova para eles.

Pomar explicou que, da mesma maneira que na docencia non universitaria, o principio xeral das materias do segundo cuadrimestre debería ser flexibilizar, aumentando as posibilidades de elección do estudantado. É necesario, ademais, que o profesorado e os departamentos teñan en conta á hora de avaliar os contidos impartidos e explicados presencialmente nas aulas, co fin de buscar un equilibrio e evitar que os estudantes se vexan prexudicados polas consecuencias derivadas da suspensión das clases.

A conselleira interesouse tamén polo desenvolvemento da teledocencia e do seu axuste ás Instrucións da Secretaría Xeral de Universidades de aseguramento da calidade da docencia non presencial nas universidades do SUG. Ademais, recordou que a data máxima de envío á Consellería e á ACSUG das modificacións de guías docentes é o 6 de maio.

ABAU

Por outra banda informouse aos tres reitores de que, na liña de evitar que o alumnado se vexa prexudicado pola actual situación, a Consellería vén de solicitarlle á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) que flexibilice aínda máis os modelos de exame para a ABAU que elaborou como primeira proposta. Neste sentido, o departamento educativo da Xunta de Galicia aposta pola maior opcionalidade posible, dentro dun tipo de exercicios similar ao que se viña realizando.

Cómpre sinalar que esta é a liña suxerida polo Ministerio e que van a seguir outras Comunidades Autónomas. Non axustarse a ela suporía someter o alumnado galego a un nivel de esixencia maior que o pode prexudicar no acceso a determinadas titulacións.

A Xunta pide ás Universidades galegas "homoxeneidade nos criterios, nas fórmulas e no...