A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta compañía da Pobra do Caramiñal que se dedica á fabricación de mallas destinadas ao cultivo e envasado de marisco, así como ao sector hortofrutícola.

Ecoplas Barbanza quere innovar na organización e optimizar o proceso de produción

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá na Pobra do Caramiñal a empresa Ecoplas Barbanza, onde destacou a aposta desta compañía pola innovación para diversificar e optimizar a súa produción e chegar a novos mercados.

Ecoplas Barbanza naceu no 2006 dedicada á fabricación de mallas extruídas destinadas principalmente ao cultivo e envasado de marisco. Na actualidade desenvolve tamén produtos destinados á agricultura ou o envasado de produtos hortofrutícolas, posicionándose no mercado europeo, exportando a países como Francia, Italia, Alemaña, Grecia, Portugal, Reino Unido, Turquía e Croacia. Nestes momentos, no marco do programa Innova Peme 2019, está a desenvolver un plan de innovación que lle permitirá innovar na organización e optimizar o proceso de produción, avanzar na homologación de produtos BIO e conseguir chegar a máis mercados internacionais.

Tal e como informou Patricia Argerey durante a visita, ata o vindeiro 20 de abril ás 13 horas está aberto o prazo de presentación de solicitudes do Innova Peme 2020, dotado con 2,7 millóns de euros e destinado especificamente a micro, pequenas e medianas empresas galegas que precisan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver a súa actividade innovadora. O obxectivo é que aumenten a súa competitividade e tamaño do mercado a través da introdución de novos produtos e servizos ao abeiro dos plans de innovación; e fomentar o investimento privado en I+D en Galicia, a transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta e colaborativa.

InnovaPeme 2020, cofinanciado con Fondos Feder, apoia as actuacións recollidas nun plan de innovación, que se desenvolverá durante un período mínimo dun ano. A intensidade da axuda será do 50% do orzamento subvencionable (que deberá estar entre 80.000 e 200.000 euros) e, ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través de fondos de capital risco vencellados á innovación xestionados por XesGalicia. Nesta edición, inclúense unha serie de cláusulas sociais como a incorporación da innovación responsable e do compromiso social como criterios de valoración da convocatoria.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada