A Xunta abre a convocatoria da liña de axudas para que entidades públicas e privadas sen fins de lucro dixitalicen fondos patrimoniais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a apertura da nova convocatoria de axudas para facilitar a dixitalización de fondos patrimoniais a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro. Desde mañá e ata 10 de abril os interesados poderán realizar a súa solicitude.

Esta segunda liña de axudas, que contan cun importe total de 750.000 euros, están destinadas á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Con esta nova convocatoria son xa máis de 1,4 millóns de euros públicos os destinados a facilitar a dixitalización de fondos patrimoniais.

ATA 90.000 EUROS

A convocatoria subvencionará proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2021, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG.

As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de Universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, Reais Academias e as Academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

Vinte proxectos de dixitalización en 2019
Da primeira liña de axudas beneficiáronse unha vintena de entidades cun importe total de 712.000 euros. Todos estes recursos, unha vez dixitalizados, estarán accesibles este ano desde o portal Galiciana, a porta de entrada a todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos de Galicia cuxos contidos irán aumentando a medida que se desenvolvan as actuacións previstas na Memoria Dixital de Galicia.

MEMORIA

Esta medida enmárcase na Memoria Dixital de Galicia, a iniciativa para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio material e inmaterial da galego, que se albergará no CPDI do Gaiás, asegurando a súa conservación e a súa accesibilidade desde calquera lugar do mundo, a través do portal Galiciana.gal.

Con esta iniciativa Galicia aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada