viernes. 26.04.2024

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu este sábado, durante o acto institucional conmemorativo do Día Internacional da Muller, traballar unidos sen exclusións a prol da igualdade plena, esencial, dixo, para construír unha Galicia máis libre e máis xusta.

Ás portas dunha nova década, Feijóo invitou a todos –homes e mulleres- a reflexionar sobre a Galicia que queremos habitar e sobre a sociedade que queremos legar á vindeira xeración de galegos, incidindo en que só traballando unidos, desde as institucións e desde a sociedade, poderase avanzar ata a igualdade real e efectiva. “A igualdade entre homes e mulleres ten que seguir sendo un punto de encontro, un consenso amplo, unha forza imparable”, abundou.

Se ben aínda queda moito por facer, o presidente da Xunta aseverou que as mulleres líderes que participaron nesta xornada son a mostra de que non andamos ningún camiño desde cero. “E son a elas ás que temos que escoitar, para valorar a súa traxectoria pero tamén para que nos conten as dificultades que aínda atopan”, dixo, facendo fincapé na importancia de dar voz á experiencia de mulleres de distintas xeracións, xa que o camiño cara á igualdade debe ser interxeracional.

Nesta liña, aseverou que mulleres como Ana Peleteiro desmenten o tópico de que o deporte é territorio masculino; Benedicta Sánchez demostra que se pode gañar o Goya á Mellor Actriz Revelación ao 84 anos e recibir o recoñecemento de toda Galicia, a través da medalla Castelao; e Abi Castillo proba que as mulleres galegas tamén asumen un papel preponderante na arte.

No eido da comunicación destacou a traxectoria da presentadora Silvia Jato e, no mundo da música, referiuse á carreira concertística de Isabel Pérez Dobarro nos Estados Unidos, España, Rusia, Italia e Portugal.

Ao longo do acto, Feijóo fixo fincapé en que non haberá igualdade real namentres haxa un só caso de violencia machista e tivo tamén palabras de recoñecemento para os máis novos, que participaron na elaboración dos carteis do 8-M, recordando que a educación é fundamental para acabar con esta lacra e lograr unha sociedade igualitaria plena.

"A igualdade entre homes e mulleres ten que seguir sendo un punto de encontro" dice el...