viernes. 26.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta recoñecerá o esforzo dos concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente cun novo distintivo: a Bandeira Verde de Galicia. Un recoñecemento que pretende coidar e fortalecer a Galicia verde, recoñecendo o esforzo daqueles concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños neste eido.

Durante o acto de presentación, Feijóo subliñou que estas bandeiras verdes concederanse anualmente pola Xunta a aqueles municipios que cumpran con criterios que xiran en torno a 5 eixos: a protección da paisaxe, o cambio climático e eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable, a xestión responsable dos residuos e accións de educación e sensibilización ambiental. E será un xurado técnico o encargado de avaliar as candidaturas que se presenten, puntuando os méritos que acrediten os concellos e outorgando especial valía ás medidas innovadoras que se inclúan dentro destes cinco eixos.

“Estamos a falar dun distintivo que permitirá incentivar o coidado da contorna, a limpeza dos espazos públicos, a redución de emisións de CO2, un menor consumo enerxético –coa instalación, por exemplo, de luminarias públicas máis eficientes-, o fomento do uso da bicicleta e do transporte público ou a peatonalización de rúas; a redución dos residuos xerados ou a correcta xestión do lixo mediante a recollida selectiva ou a compostaxe”, abundou, destacando que, con esta iniciativa, Galicia volve ser pioneira.

Os concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente serán bandeira verde