viernes. 26.04.2024

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe durante a sinatura dos convenios de colaboración para a posta en marcha dos hubs de innovación dixital liderados por Ceaga e Bioga, que Galicia vólvese situar no centro da transformación e da innovación tecnolóxica.

Dotado cada un dos convenios con 200.000 euros, permitirán apoiar o funcionamento destas iniciativas estratéxicas lideradas pola industria para achegar ás pequenas e medianas empresas galegas as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro e a transformación dixital. Deste xeito, a través destes hubs industriais, as pemes poderán gañar en competitividade e atraer talento a Galicia.

Dáse así un importante paso adiante para que presten os seus servizos a partir do ano 2020 as iniciativas Factories of the future (Fábricas do futuro), liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e centrada na internet das cousas e a intelixencia artificial; e Datalife, liderada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que pon o foco no manexo de grandes cantidades de información (big data).

Ademais do asesoramento preciso para a súa axeitada articulación, prevese destinar aos hubs e aos seus usuarios 30 millóns de euros de apoios públicos. Así, xunto aos dous convenios asinados hoxe, no vindeiro ano prevese activar axudas para subvencionar o acceso das pemes aos servizos destes dous hubs seleccionados por concorrencia competitiva, así como diferentes instrumentos para apoiar proxectos de I+D+i desenvoltos no seo destas agrupacións. Ademais, os hubs contarán con infraestruturas tecnolóxicas a través da primeira convocatoria dos centros de fabricación avanzada, nos que a nivel local se compartirán espazos industriais.

Contan tamén coa participación de empresas tractoras, como PSA, GKN, Ence, Cupa, Nueva Pescanova, Televés, Textil Lonia, Finsa ou Navantia; clústeres, centros tecnolóxicos e das tres universidades galegas.

Tal e como sinalou o conselleiro, a firma destes dous convenios permite construír desde xa o futuro industrial de Galicia ofrecendo ferramentas e formación para entender o novo contexto de transformación dixital: “Os hubs deben servir para espallar a cultura da I+D+i nas nosas empresas, particularmente nas pemes”, asegurou.

INICIATIVAS INTERSECTORIAIS

O proxecto das fábricas do futuro impulsado por Ceaga beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil; mentres que Datalife, impulsado por Bioga, prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.

Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do hub liderado por Ceaga tamén participan clústeres como Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC; empresas tractoras como Nueva Pescanova, Clun, Textil Lonia, Freire, PSA, GKN, Ence, Cupa ou Navantia; firmas do eido tecnolóxico como Televés e R; así como os centros Aimen, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetim, Gradiant e ITG; ademais das tres universidades galegas e de Feuga.

No hub liderado por Bioga, entre os participantes repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, Clusaga, o Clúster TIC, Cesga, Gradiant, Anfaco-Cecopesca e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores, colaboran neste proxecto outras empresas (como Mestrelab, CZ Veterinaria, Finsa e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.

Os Hubs de Innovación Dixital funcionan achegando ás pemes unha carteira de servizos de capacidades tecnolóxicas na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento galegos ofertan, achegando tamén apoio integral para levar os produtos e servizos innovadores ao mercado. Trátase dunha nova forma de estruturar o ecosistema de I+D+i, que permite facer un mellor uso e aplicación dos recursos existentes, conectar mellor o coñecemento disruptivo e a industria; e impulsar a dixitalización das pemes para que sexan máis competitivas e gañen tamaño, ao tempo que contribúe a incrementar o peso da actividade industrial sobre o PIB galego e a presenza de traballadores máis cualificados.

Coa creación destes dous polos de innovación, tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes, Galicia avanzará en tecnoloxías como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos e o big data, a ciberseguridade ou a computación na nube. O funcionamento destas agrupacións virá determinado pola demanda das empresas, e deberán autoxestionarse de forma independente e tender cara a sustentabilidade económica. A constitución de hubs é un aspecto imprescindible para que Galicia teña acceso aos máis de 9200 millóns de euros que a Unión Europea ten previstos para o programa Europa Dixital para o período 2021-2027.
 

Hubs industriais Galicia ofrece ás pemes os servizos necesarios para a súa...