jueves. 21.11.2024

Meu curandeiro

O día que deixei Santiago para trasladarme a Pontevedra, onde vivín cinco aos, miña cabeza fervía. Como irá a cousa? -pensei-, pois seguir traballando en Santiago vivindo tan lonxe pode acabar comigo.

O día que deixei Santiago para trasladarme a Pontevedra, onde vivín cinco aos, miña cabeza fervía. Como irá a cousa? -pensei-, pois seguir traballando en Santiago vivindo tan lonxe pode acabar comigo.

Aínda que en Pontevedra fixen moitos amigos, cando volvín a Santiago de novo, ao aforrarme as viaxes notei unha grande mellora; e na primeira semana que cheguei, incriblemente, volvín a ver os papeis do Mestre Sifo nos parabrisas de case todos os coches que aparcan no meu barrio.  

O papel -tamaño tarxeta- do mestre, dicía: Famoso vidente de nacemento, adiviñación completa, gran curandeiro. Non hai problema sen solución: amor, traballo, sorte, negocio, mal de ollo, impotencia sexual, enfermidades, problemas familiares, afastar os malos espíritos, regreso inmediato da persoa amada, amarres. Resultados dende a primeira consulta na mesma semana. É moi coñecido pola súa eficacia e rapidez. 100% garantido. Se ten algún problema ou algún familiar, a solución tena aquí.

Comprobar que Sifo seguía en activo, impactoume moito. Se o vidente sigue anunciándose -pensei-, será que a cousa funciona; pois doutro xeito tiña quebrado hai tempo.

Pouco despois dinme conta de que xunto os papeis do Mestre Sifo que seguían aparecendo nos parabrisas dos coches, había outros similares do Mestre Baba e o Profesor Ola. Se pasados cinco anos -pensei-, agora hai ata tres curandeiros competindo, significa que a cousa funciona! Non debería probar?

Ao ler polo miúdo os servizos que ofrecía cada un, puiden comprobar que o que publicitan é moi parecido. Agás o detalle de que dous deles se presentan como mestres e un como profesor, os seus servizos coinciden nun 80 %.

Aínda que o Mestre Baba non presta a totalidade dos servizos que ofrece o seu colega Sifo, tamén asegura protección de inimigos da familias, atraer clientes, manter posto de traballo e sorte nos negocios e exames. Pola súa banda, o Profesor Ola engade mellorar no deporte, accidentes da vida, e axuda a deixar o tabaco, o alcohol e as drogas de forma inmediata.

Respecto ao prezo das consultas, ningún curandeiro da pistas; tendo un a consulta aberta de 9h a 20 h, outro de 9 h a 22 h e outro a calquera hora; e facilitando os primeiros dous móbiles de contacto e o terceiro un.

Durante o tempo que vivín en Pontevedra, como nunca vin anuncios de videntes, nunca se me ocorreu acudir a eles, pero en Santiago a presión é moi grande.

A idea de que o aumento de curandeiros sexa un indicador de que os clientes entenden que paga a pena acudir a eles, non son capaz de quitarma da cabeza. Pero como tamén me asalta a dúbida de que quen van -o acabemos indo- somos parvos; non sei que facer.

Se a cousa fora científica, os políticos, o SERGAS, os empresarios, os sindicatos, os estudantes, os adestradores de fútbol e todo o mundo tería un curandeiro no seu equipo; pero isto non sucede. A mais non tiña subido a inflación, nin aparecido a Covid-19 nin a invasión de Ucraína.

Ignorando o que pode pasar no futuro, de momento sigo andando pola vida sen acudir a ningún vidente; desexando a quen acoden a eles, por suposto, os maiores éxitos.

A última vez que fun á tomba do Apóstolo, a diferenza doutras veces, ao preguntarlle sobre este asunto non me contestou nada e saín coa sensación de que me quixo dicir algo parecido a: Ti verás, neste tipo de cousas eu no me meto... Pois iso: Meigas, habelas, hainas; pero curandeiros que garanten resultados ao 100% para resolver todo tipo de problemas dende o primeiro día de forma inmediata...

Meu curandeiro
Comentarios