Ao preguntarlle a Adai, que vive cun can e un gato, polas diferenzas existentes entre ámbolos os dous, comentoume que non teñen nada que ver. Así como o can ten un vínculo moi forte co seu dono, o gato é moito máis independente. Tanto, que moitas veces, mentres non lle falte comida dálle igual vivir cunha persoa que con outra.
Os homes e os cans levan miles de anos en estreito contacto, en concreto dende o Paleolítico. Cando nesa época os homes -que se adicaban á caza- preparaban o seu xantar pola noite no lume, os lobos acudían a eles e arrodeábalos porque sempre lles daban algo. Segundo Adai, a alianza entre os homes e os lobos grises, de onde proceden os cans, xurdiu porque beneficiaba a ámbolos. Aos homes porque a súa presenza ofrecíalles seguridade escorrentando aos animais perigosos; e aos lobos porque sempre se levaban algo á boca.
Os gatos, en cambio, foron domesticados en Exipto durante o terceiro milenio a. C. como depredadores de roedores, e comezaron a vivir preto das vivendas cando o home deixou de ser nómade e comezou a cultivar.
Para Adai os cans son quen de establecer un vínculo afectivo; tanto, que son capaces de dar a vida polo seu amo. Mentres os gatos, polo xeral, son moito máis independentes e cando acarícialos gústalles porque lles gusta o que lles fas -non porque ti lles gustes-.
A pesares da súa opinión, Simba -o gato de Adai- non se escapou nunca da súa casa e unha vez ata chegou a matar un rato; aínda que non o quixo xantar. Iso si, estaba orgulloso como si tivera acadado un trofeo.
Aínda que cando lle contei a Adai a relación existente entre a miña irmá Nuri e a súa gata Nina -que significa boneca- costoulle crelo. Para min Nina, a verdade, parece un can; pois non só segue durmindo con ela como dende o primeiro día, senón que o cariño que lle ten -personalizado- é inaudito.
Ata tal punto que cando Nuri pon o pe no ascensor do garaxe que hai no sótano para subir a casa, que está no primeiro piso, comeza a maullar e achégase á porta para recibila; aínda que lle poñas -como fixeramos- un anaco de pavo diante. Se iso non é un vínculo afectivo, aínda que o fai soamente con ela, que é entón?