miércoles. 05.02.2025

Contrasinais

Se o XX foi o século das siglas (“el siglo de las siglas”, como o chamou Pedro Salinas nun memorable exercicio de enxeño verbal), o XXI é o século dos contrasinais.

Se o XX foi o século das siglas (“el siglo de las siglas”, como o chamou Pedro Salinas nun memorable exercicio de enxeño verbal), o XXI é o século dos contrasinais.

O XX foi tanto o século das siglas que ata o “vintesetista” Dámaso Alonso chegou a facerlles un poema, indo aínda máis lonxe ca o seu compañeiro de xeración Pedro Salinas –que adicara outro á bombilla eléctrica– no fascinante labor de demostrar que non hai temas poéticos per se e que calquera cousa é susceptible de se converter en materia dos poetas. Un camiño seica aberto unhas décadas antes por Antonio Machado cando fixo un poema ás moscas, relativamente coñecido polo gran público por ser musicado no seu día por Joan Manuel Serrat

Lembro aquí algúns versos do poema de Alonso, porque paga a pena. Comeza cun significativo “USA, URSS” –estabamos en plena Guerra Fría– e máis adiante repite, case a modo de retrouso, “¡RENFE, RENFE, RENFE!”, tan de actualidade hoxe que a rede ferroviaria pública se desfai a cachos. Finalmente, remata cun expresivo e fúnebre “¡Oh dulce tumba: / una cruz y un RIP!”.

Pasando aos contrasinais, que son, en realidade, o motivo central deste artigo, debo confesar que para min representan unha tortura. Na internet, que semella hoxe o único mundo existente –hai mesmo quen ten unha identidade alternativa virtual–, pídenchos para todo. Xa non podes facer nada sen eles. E a min se me esquecen sempre. Aínda por riba, se os introduces tres veces mal, a túa conta fica bloqueada.

Unha solución para non esquecelos é ter o mesmo contrasinal para todo. Eu son dos que fan iso. Pero, alén de que os expertos din que resulta moi perigoso porque poden descubricho fácilmente, polo que é mellor variar de contrasinal, en case ningún sitio web déixanche escribir ese contrasinal único, xa que che esixen que o que introduzas teña un determinado número de caracteres e combine letras maiúsculas e minúsculas, números e caracteres especiais. O que fago entón é modificar ao chou o meu contrasinal orixinal introducindo algúns deses requisitos, co cal, na práctica, o único que consigo é complicarme aínda máis a vida, porque, malia anotar o novo contrasinal nalgures para non perdelo, acabo esquecéndoo tamén. O resultado de todo isto é que aumentan –e moito– o meu anoxo e o meu desacougo.

Pero como non quero terminar este texto con mal sabor de boca, vou emular ao Dámaso Alonso que lles escribu un poema ás siglas e compor uns versos aos contrasinais. Para que non se diga que lles teño xenreira. Velaquí van: “Querido contrasinal, / querido e mais esquecido, / cando te vou escribir / semella que ti es ido”.

Como ven, remato mesmo cunha chiscadela á Rosalía de Castro de “Negra sombra”, cando di: “Cando maxino que es ida”.

E é que en contrasinais non, pero en poesía sonlles un ás. Nin Salinas nin Alonso, nin Machado nin Rosalía. Eu.

 

Contrasinais
Comentarios