domingo. 24.11.2024

O vindeiro 12 de marzo, a Cidade da Cultura acollerá o Foro Empresarial AJE Galicia 2020, un encontro para debater e coñecer novas tendencias en innovación e investimento, enfocado a mellorar a produtividade das empresas galegas.

O evento reunirá a empresarios e institucións de toda España, de todos os sectores, e está dirixido a mozos e mozas emprendedoras e universitarias con vocación de crear a súa propia empresa; así como empresarios e empresarias, e organismos relacionados co mundo corporativo.

O evento contará con relatores como o coñecido empresario, asesor e coach, Emilio Duró ou a empresaria coruñesa Yaiza Canosa, CEO da startup logística GOI e elixida en 2017 como unha das 30 persoas menores de 30 anos con maior proxección profesional pola revista Forbes (30under30).

CONVENIO

O Congreso AJE Galicia realízase en virtude dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Asociación de Jóvenes Empresarios. A través deste acordo, ambas entidades programarán actividades formativas e de asesoramento que completen a oferta destinada ás empresas do Centro de Emprendemento do Gaiás así como dos afiliados de AJE Galicia.

Con este convenio –asinado polo presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez– ambas entidades renovan a colaboración que manteñen desde 2017, a través da cal a Cidade da Cultura cede un espazo a AJE Galicia no Centro de Emprendemento para a realización das súas actividades, mentres que a Asociación de Jóvenes Empresarios, organiza diferentes actividades de formación e networking, ademais de promocionar entre os seus afiliados as actividades do CEM.

CIDADE DA CULTURA

A Cidade da Cultura de Galicia ten no emprendemento, a tecnoloxía e a cultura os seus tres eixos principais de actuación. O seu Centro de Emprendemento destinado a proxectos culturais e creativos ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais de contar cun programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.

Foro Empresarial para jóvenes emprendedores