viernes. 22.11.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe en Vigo as iniciativas como o Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell para impulsar o consumo das conservas do mar, promover as súas altas propiedades nutritivas e, á súa vez, enxalzar o talento da mocidade. Así o sinalou durante o acto de entrega deste recoñecemento ao talento creativo da xuventude que se dedica ao deseño e que nesta edición premia a liña de packaging para conservas de peixe e marisco da deseñadora gráfica Victoria Ochoa, de 20 anos.

Esta fórmula de deseño dos envases das conservas, expuxo a titular de Mar, axuda a facer partícipes ás novas xeracións da versatilidade gastronómica das conservas de peixes e mariscos. Tamén, engadiu, é un xeito de reivindicar o papel do sector transformador de produtos do mar, que durante o estado de alarma decretado polo coronavirus realizou un importante esforzo na estrita aplicación das medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias ante a pandemia e no subministro de alimentos de calidade á cidadanía.

De aí a importancia de que a sociedade recoñeza ese labor para afrontar o futuro con garantías xuntos, no mesmo barco. Nesta liña, Rosa Quintana fixo fincapé no peso que ten a industria conserveira galega, que mantén o seu liderado nos primeiros postos do mercado europeo e mundial, que continúa abrindo novos mercados e segue espertando interese de novas inversións e amosou o compromiso de Galicia co sector para que “a través da innovación, a calidade e a materia prima siga traballando nesta liña de progresión”.

A creación gañadora do II Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell utilizarase para empaquetar as latas que se empreguen na campaña de promoción de consumo de conservas do mar, denominada Cata a lata, de xuño do 2020 a xuño de 2021. Trátase dunha iniciativa que supón un estímulo para avanzar na innovación no envase da conserva no mercado.

Premio de Deseño Anfaco