viernes. 22.11.2024

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, veñen de reunirse por videconferencia con representantes da Asociación de Tecores Galegos (Ategal) para analizar como está a afectar ao sector cinexético da comunidade a situación provocada pola crise do coronavirus e as restricións impostas polo actual estado de alarma.

Ao respecto, a responsable autonómica agradeceu a boa disposición e comprensión amosada desde o primeiro momento por este colectivo ante todas as medidas que tivo que adoptar a súa Consellería en relación coa práctica da actividade cinexética a raíz da declaración do estado de alarma, en virtude do Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo.

Unha das primeiras restricións impostas polo Estado foi prohibir con carácter xeral e en todo o territorio español calquera tipo de acción de caza, colectiva ou individual. En todo caso, a conselleira lembroulles que xa na reunión do Comité Galego de Caza da semana pasada, trasladóuselle ao sector que o Ministerio de Agricultura acababa de remitir unha carta recomendando ás comunidades o mantemento da actividade de control das poboacións de xabaril durante o estado de alarma, fundamentalmente para evitar o risco de propagación de enfermidades animais e prever posibles danos sobre producións agrogandeiras.

Esta recomendación ministerial, sen embargo e como lles explicou, chega case un mes despois de que o Centro de Coordinación Operativa creado en Galicia pola emerxencia sanitaria acordara xa permitir excepcionalmente e como medida de control a autorización de determinadas accións cinexéticas ante supostos graves como danos xeralizados á agricultura ou á gandería; accidentes de tráfico reiterados nun mesmo punto; ou posibles riscos en materia de sanidade animal.

CONTACTOS CO SECTOR

Cómpre lembrar que o encontro con Ategal enmárcase na rolda de contactos que abriu nas últimas semanas a conselleira coas entidades máis representativas e algúns expertos de recoñecido prestixio do sector cinexético e do pesqueiro. A intención do departamento autonómico, tal e como lles trasladou Ángeles Vázquez, é contar coa opinión e a experiencia de todos eles á hora de planificar do mellor xeito posible a volta á normalidade nos ríos e tecores galegos, algo que, en calquera caso, terá que facerse de forma paulatina e sempre axustada ás decisións que vaian tomando as autoridades competentes.

O Ministerio autoriza a caza do xabarín un mes despois de que a Xunta permitira certas...