A Xunta anima á cidadanía a participar un ano máis na campaña de voluntariado 1m2 polos ríos, lagos e embalses, unha das iniciativas impulsadas a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes dentro do proxecto Libera para loitar contra a presenza de residuos en espazos naturais e que en Galicia conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Esta nova convocatoria desenvolverase entre o 11 e o 19 de marzo, aínda que o prazo para inscribirse e poder colaborar xa está aberto. Nesta ocasión, as batidas de limpeza centraranse nas contornas de ríos, lagos e embalses, para o que se programarán saídas en distintos puntos de Galicia organizadas por administracións públicas, asociacións e entidades privadas, particulares ou centros educativos, entre outros.
As persoas interesadas en obter máis información sobre como participar nalgunha das accións que se propoñan ou mesmo suxerir un punto de recollida no marco de 1m2 poden formalizar a súa inscrición e consultar todos os detalles na web do proxecto Libera.
O abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente e, en consecuencia, de todo o planeta. En resposta a esta situación xorde Libera que, a través da chamada ciencia cidadá e das sucesivas convocatorias de 1m2, propón recoller e caracterizar os residuos localizados en diferentes tipos de escenarios naturais co fin de estudar o seu impacto no medio e xerar, á vez, un cambio nas condutas da cidadanía a través da sensibilización.
Cómpre lembrar que a Xunta se sumou en 2017 por primeira vez a este proxecto e desde entón, vén apoiando todas as campañas de recollida de residuos que se organizan ao longo do ano de forma simultánea no conxunto do país e que no caso de Galicia cada vez teñen un maior éxito de participación.
Así, ademais da campaña de marzo, os promotores de Libera tamén teñen previstas para 2023 outras tres accións: 1m2 pola basuraleza, a primeira e máis coñecida das campañas deste tipo e que terá lugar o vindeiro 3 de xuño; 1m2 polas praias e mares, que se desenvolverá entre o 16 e o 24 de setembro; e 1m2 polo campo, os bosques e o monte, programada do 2 ao 10 de decembro.