A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activará unha nova liña de apoios dirixida a impulsar a internacionalización dixital do tecido produtivo galego, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.
O Galicia Exporta Dixital, que conta cunha dotación de dous millóns de euros, vén dar resposta á demanda crecente das compañías galegas para acometer este tipo de procesos. Apoiarase tanto o deseño de plans de internacionalización dixital e adquisición de software, como a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais. As axudas son superiores no caso das pemes, que poden obter ata 100.000 euros (o 80% do investimento subvencionable).
Esta nova iniciativa reforza os programas Galicia Exporta, que no seu conxunto contarán na próxima edición con 11,2 millóns de euros, un 40% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de que 1200 pemes poidan acceder e medrar nos mercados internacionais e que promoverán a diversificación dos destinos das vendas. Búscase así que siga aumentando o número de pemes galegas que apostan polos mercados exteriores, ao tempo que se impulsa a diversificación dos destinos internacionais nos que venden.
A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional. Como novidade nesta convocatoria do primeiro dos programas, engádese a igualdade de xénero como criterio de desempate no caso de que as iniciativas presentadas teñan a mesma puntuación. O Galicia Exporta Organismos Intermedios tamén afonda na dixitalización, e así, entre outras iniciativas, apoiarase a creación de plataformas de comercio electrónico para mercados internacionais.
Mediante a anterior convocatoria deste programa, a Xunta facilitou apoio directo a 808 pemes, un 73,39% máis que a lanzada en 2018, para desenvolver proxectos de internacionalización ou participar nas accións conxuntas de promoción exterior. Incrementouse nun 42% o número global de plans colectivos de expansión internacional e nun 8% os dirixidos a países non europeos, entre os que destaca Estados Unidos.
Os programas Galicia Exporta e o Foexga están a promover na actualidade 424 accións conxuntas en máis de 100 países nas que participan máis de 1300 pemes galegas. Con eles, a Xunta busca reforzar os resultados das exportacións do tecido empresarial e manter a tendencia dos últimos anos.