O Pladiga 2021 contempla a creación dunha Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Estará formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais e dependerá do director xeral de Defensa do Monte. Será unha unidade de elite, desvinculada dos labores de extinción, polo que poderá centrarse especificamente na investigación.
Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na reunión do Consello Forestal de Galicia, no que se avaliou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), como paso previo antes da definitiva aprobación deste documento polo Consello da Xunta.
Nesta liña, o conselleiro explicou que o obxectivo xeral do Pladiga é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos incendios, dentro dos recursos dispoñibles e avanzou outras das novidades do documento para esta campaña. Así, salientou a incorporación de novas melloras tecnolóxicas en colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), como son a implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo. Isto facilitará logo a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios, segundo trasladou González.
O titular de Medio Rural avanzou tamén que este ano implantarase o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real: punto de inicio e evolución, recursos asignados, punto de auga próximos, cartografía, datos meteorolóxicos, descargas dos medios aéreos etc. Unha vez realizadas as xornadas de formación específicas para o uso desta funcionalidade, a súa utilización estenderase a todo o operativo no vindeiro período de alto risco, avanzou o conselleiro.
Ao tempo, dentro das novidades do Pladiga reforzarase e consolidarase a rede de vixilancia con cámaras de última xeración. Así, este ano instalaranse 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer xa de 142 cámaras en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata o de agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.
Outra mellora na loita fronte os incendios posta en valor polo conselleiro será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén. Trátase, dixo González, dun verdadeiro “Campus Forestal” que contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios e salientou que a Xunta vén de recibir o respaldo do Parlamento para a súa posta en marcha.
Ademais, o titular de Medio Rural lembrou a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Estas instalacións enmárcanse no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirá dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- dunhas modernas instalacións para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.
MEDIOS
En canto aos medios humanos e materiais mobilizados no Pladiga, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas. Sobre os medios aéreos, o conselleiro destacou a incorporación de dous helicópteros lixeiros máis ca o ano pasado no dispositivo da Xunta, o que supón tamén a achega de catro novas brigadas helitransportadas. O número total de medios aéreos rolda, como é habitual, a trintena, contemplando tanto os medios da Consellería do Medio Rural como os do Estado.
En relación cos medios terrestres, cómpre indicar o incremento de 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Así, o número total de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378, sumando os da Xunta e os municipais. Outra mellora importante ten que ver co reforzo e renovación do parque móbil do Servizo, xa que ao longo deste ano está prevista, entre outras actuacións, a adquisición de 6 novas motobombas e a renovación de vehículos do servizo, segundo trasladou o conselleiro. Lembrou ademais que hai algo máis de dous meses entregáronse 11 vehículos ao Servizo e que dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do Servizo (son 157 actualmente).
En canto aos recursos humanos, o conselleiro valorou a existencia dun operativo que estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións, un dato similar ao das últimas campañas, remarcou.
A maiores, José González lembrou tamén que o Pladiga incorpora un completo Plan de prevención, que se está a desenvolver e que ten como principais magnitudes a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade e a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros.
PLANS
Por último, o conselleiro recordou que outro dos plans incluídos no Pladiga é o de Formación. Así, sinalou, a Xunta impartirá preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo, dentro dunha iniciativa que tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía deica o ano 2024.
Contémplanse catro programas, dous para o persoal da Xunta , outro para o dos concellos e un cuarto para a sociedade do rural. Entre as accións previstas están 31 cursos, en modalidade presencial, telemática ou mixta, para os profesionais da Xunta, 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal, a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de auto protección fronte o lume.