viernes. 22.11.2024

Enyd López Fernández, enxeñeira química e licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago, e experta en economía circular, dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, creada en abril pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para modernizar a economía da Comunidade autónoma estendendo o modelo de transición verde, xusta e dixital. De feito, o seu principal obxectivo é contribuír á maduración das iniciativas estratéxicas para Galicia. Ao consello de administración, ademais, incorpóranse dous perfís que atesouran recoñecidos coñecementos en materia de intelixencia artificial e economía e política financeira: Amparo Alonso Betanzos e Rosa María Sánchez-Yebra, respectivamente.

O consello de administración designou directora xeral da sociedade a Enyd López (Santiago, 1980), quen ata o de agora comandaba en Galicia Saica Natur, unha área de negocio pertencente ao Grupo Saica que opera no ámbito da economía circular e a xestión de residuos. Anteriormente, dentro do mesmo grupo, dirixira en varios puntos de España outros equipos, divisións e delegacións.

Enyd López Fernández, enxeñeira química e licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago.

Tamén se formalizaron a entrada no consello de administración de dúas mulleres. Amparo Alonso (Vigo, 1961) é catedrática da Universidade da Coruña no departamento de Ciencias da Computación, presidenta da Asociación Española de Intelixencia artificial e membro do Consello Asesor de Intelixencia artificial.

Por outra banda, Rosa María Sánchez-Yebra (Ourense, 1962), vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa, tamén entra no consello desta sociedade público-privada. Ao longo da súa traxectoria foi conselleira do Banco de España, da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), así como secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira do Goberno central.

Os coñecementos destas tres persoas resultarán de gran utilidade á compañía mixta no seu labor de impulso de iniciativas tractoras que incidan na dinamización, progreso e transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital. Naceu co obxectivo de incentivar a actividade produtiva da Comunidade a partir da captación de investimentos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións públicas e privadas para a posterior posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.
Deste xeito, a compañía mixta non inviste en executar proxectos nin asigna fondos públicos, senón que ten como misión a busca de investidores e tecnólogos. A Xunta encárgase de filtrar iniciativas potencialmente tractoras e, posteriormente, esta sociedade desenvólveas ata que adquiren a madurez suficiente para continuar a súa evolución en solitario. En definitiva, viabiliza e dinamiza boas ideas.

O consello de administración presídeo Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta. Ten o seu número dous no conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Tamén forman parte del os conselleiros de Facenda e Medio Rural, Valeriano Martínez e José González, respectivamente; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o responsable de Asesoría Xurídica da mesma entidade financeira, Eduardo Cortizo; o expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Santiago Lago Penas.

López Fernández, experta en economía circular, dirixirá a Sociedade para o...