viernes. 03.05.2024

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu hoxe o compromiso das preto de 30 empresas que, ata o momento, patrocinan o Xacobeo 21-22; e instou ao Goberno central a ampliar ata 2023 os incentivos fiscais do mecenado, ademais da concreción dos investimentos para esta celebración.

“Grazas por materializar o voso apoio inequívoco a un evento fundamental para Galicia, para España, para a nosa cultura occidental e para todo o mundo”, dixo, referíndose a todas estas empresas -de diferente tipo, tamaño e condición- que xa forman parte dos patrocinadores dun “proxecto colectivo que é o Xacobeo”, a través dunha inxección de máis de 20 millóns de euros.

Durante o acto de presentación, o responsable do Executivo galego incidiu na oportunidade que supón este evento como panca de reactivación económica e social. “Estamos a falar dun evento de país, que require de todos e que ten unha marca: a marca Galicia”, abundou, garantindo o compromiso da Xunta para seguir traballando na celebración dun evento único; “único polas circunstancias e único pola posibilidade de crear novas experiencias”.

Nesta liña, resaltou á rehabilitación da Catedral de Santiago, unha das maiores actuacións nun patrimonio mundial nos últimos anos; e á reformulación do plan estratéxico do Xacobeo, baseado en dúas vertentes: unha dirixida a adaptar o evento ás necesidades da pandemia; e outra dirixida á segunda parte do Ano Santo que empezará no último trimestre do 2021 e que comprenderá todo o ano 2022.

Así mesmo, recordou que só para este ano a Xunta investirá 85,5 millóns destinados a programar actividades con seguridade e á promoción; así como a preparar as infraestruturas e as paisaxes do Camiño.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia e o Xacobeo son dúas dimensións inseperables que se conectan e se explican mutuamente. “Ao longo da súa historia o feito xacobeo coñeceu guerras e epidemias, pero segue e seguirá como un fenómeno de concordia e confluencia de culturas que desemboca no mesmo lugar: en Galicia e, desde Galicia, proxéctase para todo o mundo”.

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o compromiso de todos os representantes das empresas que apostan polo Xacobeo, aos que considerou “como os primeiros peregrinos deste Xacobeo 21-22”. Destacou que cando a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade, Galicia estará preparada para acoller aos peregrinos e turistas e o Xacobeo comezará a despegar e a recuperar todo o seu esplendor.

Alfonso Rueda incidiu en que o Goberno galego leva tempo traballando para ter todo preparado para este Xacobeo e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino seguro como Galicia e cun Camiño Seguro. Así, puxéronse en marcha tódolos protocolos de prevención ante a covid-19 nos albergues, ademais de crear novas instalacións e mellorar as existentes, así como o acondicionamento das distintas rutas. Tamén se porá en marcha o seguro coronavirus para garantir a tranquilidade dos viaxeiros ante casos de infección por covid-19 ou corentenas.

En canto ao apoio destinado á reactivación do sector turístico, manifestou a súa satisfacción polo éxito do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia coa que a Xunta pretende mobilizar 6,8 millóns de euros no sector a través do consumo interno, e que esgotou en só 12 horas as tarxetas dispoñibles.

30 empresas patrocinan o Xacobeo 21-22