A Selección Española de balonmán xuvenil escolleu Tui para continuar a súa preparación de cara ao Campionato do Mundo do próximo ano. O verán de adestramentos, partidos e torneos foi intenso para os rapaces liderados por Javier Fernández que veñen de acadar o Europeo de balonmán en Montenegro.
Deste xeito, o combinado xuvenil adestra dende o pasado domingo no pavillón Gustavo Rodríguez e concéntrase nun hotel tudense. O segundo dos dous encontros que xogarán estes días na comarca do Baixo Miño será este sábado ás 20.15h no mesmo pavillón tudense fronte ao Académico de Braga. Trátase dun encontro de gran nivel ante o terceiro club máis laureado do balonmán portugués e servirá de peche desta mini xira do combinado nacional.
Aproveitando a súa estancia na cidade, hoxe foron recibidos na Casa do Concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. O rexedor agradeceu que escolleran a cidade para a súa posta a punto e tendeu a man do concello para seguir acollendo equipos e encontros de balonmán de primeiro nivel. Asemade, fixo entrega ao seleccionador nacional do libro da Eurocidade Tui-Valença como recordo da súa visita.
Logo da visita á casa consistorial, e antes de volver aos adestramentos e aos estudos que compaxinan co balonmán, os xogadores aproveitaron para pasear polo centro histórico de Tui, coñecer a Catedral de Santa María e o seu claustro e gozar da vista sobre o río Miño e a vella Ponte Internacional.