Excelente Campionato de Galicia Absoluto e Sub23 e de combinadas o que se viviu no día de onte nas pistas Universitarias de Santiago que novamente volvían a recibir unha cita absoluta logo de moitos anos de parón.
A xornada contou a nivel xeral con moitas e destacadas actuacións, na que se evidenciaron grandes e interesantes disputas ao longo das dúas xornadas.
O campionato daba comezo da mellor maneira posible xa que na primeira proba Daniel Cahmosa da Gimnástica, lograba na proba dos 5.000 marcha un rexistro de 19:40.38 que supuxeron un novo récord galego absoluto, mellorando a anterior plusmarca Santi Pérez que databa dos anos noventa. Na categoría femenina a internacional e clara favorita Antía Chamosa nun bo test para para ela, remataba primeira nun tempo de 21:59.07.
As probas de velocidade contaron con protagonismo compartido entre Javier García, Adi Iglesias e Ainhoa Repáraz. O atleta do Real Club Celta lograba, nun excelente campionato, proclamarse campión galego tanto dos 100 m. con 10.65 como dos 200 con 21.57 convertíndose no indiscutible domiñador da velocidade galega masculina. Nas muleres a nosa bimedallista paralímpica e plusmarquista galega Adi Iglesias do Lucus, lograba impoñerse nos 200 m. con 24.73 o mesmo que a internacional Ainhoa Reparaz na proba dos 100 m. logo de manter precisamente un emocioante final ca lucense. Ao remate desta final, e por mor dunhas molestias, o do Val Miñor decidia non correr a final dos 200
Os 400 m. tiveron tanto en Eugenia Gil como en Jacobo Soler os domiñadores da proba. A atleta da Gimnástica lograba un triunfo moi axuntado de 56.52 polos 56.59 de María Fernández. O internacional pontevedrés, pola súa banda, domiñaba máis claramente a distancia con 47.70 polos 48.26 de Jorge Román Leiros do Celta e os 48.39 de o atleta do At. Santiago Alexis Migénes con 48.39.
María Fernández do Universidade de León nunha final moi igualada lograba o título dos 800 m. con 2:09.35 fronte a María Cedrón do ADAS CUPA con 2:09.55. O internacional coruñés Elian Numa, nun excelente estado de forma, apuntábase un novo título autonómico con 1:51.26 polos 1:51.68 de Pedro Osorio do At. Santiago.
Otro dos duelos do campionato foi o que protagonizaron os gimnásticos Pablo Bocelo e Carlos Porto sobre a final dos 1.500 con triunfo final para o primeiro con 3:51.05. Nas mulleres Inés Docampo do ADAS CUPA facía bos os 4:33.97 cos que acadaba o título autonómico fronte a Amparo Corredoira da Atlética Lucense con 4:34.75. O bronce foi para Xela Martínez con 4:36.41.
Emocioantes resultaron tamén os obstáculos na que tanto Patricie Viadel do At. Santiago como Hugo García do Celta impuxéronse de maneira moi igualada a Esteban Iglesia do Lucus e a Zoe Michele do A.F. Celta malia que esta última atleta, sen dereito a metal pola súa condición de extranxeira. Precisamente Esteban Iglesia lograba un novo metal, desta vez de ouro, ao impoñerse nos 5.000 m. con 14:36.92. Laura Santos pola súa banda, lograba o mesmo podio sobre esta distancia con 16:40.85 polos 16:54.40 de Uxía Pereira do Celta que foi prata.
Nas probas dos valos o internacional venezolano Gerson Izaguirre lograba o posto central do podio nos 110 valos con 14.45 nunha final moi igualada co tamén internacional coruñés Sub20 do Marineda Hugo Vázquez con 14.48. Na categoría femenina Alicia Merino volvía ao máis alto do caixón ao rematar en 14.88. Xa nos 400 valos, Lía Caride da Gimnástica lograba impoñerse con 1:01.96 sendo novamente na categoría masculina o triunfo para Iago Núñez do Lucus quen retiña o título do ano pasado con 54.02 polos 54.31 de Xabier Lires do Marineda.
Nos lanzamento de martelo, Carlos Revuelta da Gimnástica quedaba ás portas dos 60 m. con 59.85 m. ocupando postos de podio Eric Méndez con 58.88 m. e Yago Araujo do Celta con 58.08 m. Na categoría femenina as nosas internacionais Irene Gómez con 55.56 m. e Blanca Pereira do Ourense Atletismo con 49.92 m. repartíanse os metais xunto a Aixa Corbacho do Rias Baixas, bronce con 46.92.
Victor Gallego da Gimnástica tería que agardar ata o concurso de disco para sumar o seu enésimo ouro dun campionato galego ao lanzar ata os 48.32 m. polos 44.95 m. de Miguel Angel Granado do Celta. No concurso de peso, invertiríanse as posicións con triunfo para o celeste con 15.01 m. polos 14.30 m.do capitán da Gimnástica. Na categoría femenina a nosa olímpica Belén Toimil, que novamente quixo amosar o seu compromiso estando na gran cita do atletismo galego, lanzaba no seu cuarto intento ata os 17.15 m. ocupando a segunda posición a tamén internacional Xiana Lago do Ría con 13.02 m. quen en excelente campionato, repetiría metal no disco no que o triunfo foi para María Ezquerro da Gimnástica con 43.70 m.
Na xavelina cómodo triunfo para a internacional Carmen Sánchez cun mellor lanzamento de 50.69 m. destacando nos homes o título do tamén internacional Manuel Uríz quen novamente vovía subir ao máis alto dun podio con 61.90 m. polos 59.44 m. de Jonathan Correa da Gimnástica e os 59.23 m. de Pedro Fidaku Santos do Celta con 59.23 m.
Nos saltos, Bea Viteri do Samertolameu volvía ao máis alto do podio autonómico na súa recén estreada categoría máster saltando ata os 3.40 m. polos 3.30 da céltica Lisa Vosberg. Nos homes, o favorito Tomás López do At. Sada ,cumplía os prognósticos logrando a primeira posición cun 4.40 m.
Na altura tanto Emma Sihuang como Gerson Vidal Izaguirre cumplían o seu papel de favoritos logrando uns mellores saltos de 1.65 m. e 1.90 m. respectivamente
O concurso de lonxitude masculino pasou por ser un dos máis emocioantes do campionato, onde o título xogouse no último salto grazas aos 7.42 m. de Sergio Coello que superaba os 7.15 m. do plumarquista galego e atleta olímpico Jean Marie Okuto . Gerson Vidal Izaguirre lograba outro metal, o de bronce con 7.14 m. Pola súa banda Anxo Blanco da Gimnástica chegaba ata os 14.66 m. no seu quinto intento que lle serviron para lograr un cómodo triunfo en triplo.
Nas mulleres , as nosas internacionais Olaia Guisela Becerril en lonxitude e Alba Cuns en triplo lograban o campionato galego con 6.00 m. e 12.37 respectivamente.
No autonómico de combinadas, e con parte dos mellores especialistas compitindo en Arona como combinado da Federación Galega, o triunfo foi para Nicolás Arias do UCAM Cartagena con 5.588 puntos e para Eva Salgado da Gimnástica con 2.938.
Por último, no campionato de relevos curtos tanto o Marineda en homes como o Riazor Coruña en mulleres, foron os mellores equipos ao igual que o foron o Clube Atletismo Santiago e a Gimnástica nos relevos longos masculinos e femininos respectivamente.