Oito medallas e un total de sete postos de finalistas foi o balance galego nos Campionatos de España Sub20 desenvoltos durante esta fin de semana en Soria.
Un dos títulos veu da da man da internacional Blanca Pereira do Ourense Atletismo quen sobre o círculo de martelo demostrou a súa superioridade logrando impoñerse con 54.94 m. e aventaxando en máis de catro metros á segunda clasificada.
Nas carreiras excelente exhibición de Isabel Caeiro da Gimnástica de Ponteveda sobre os 3.000 obstáculos amosando que á a indiscutible domiñadora da distancia na súa categoría logo de mellorar amplamente a cuarta posición do ano pasado. Pedro Vázquez do Celta pola súa banda, tamén lograba o título nacional nos 3.000 m. cun rexistro de 8:32.71 que o converten nun dos referentes galegos do fondo nestes intres.
Mención especial ten o sector de probas combinadas que regresa con nada menos que tres metais. A lucense Lucía Sánchez del Valle, que xa fora bronce o ano pasado, suma e segue ca súa importante progresión confirmando os prognósticos, e logrando o campionato de España de heptatlón cunha puntuación total de 5.022 puntos. Non menos importante e destacada foi a actuación de Carlota Salgado do A.F.Celta no mesmo concurso, no que chegaba a sumar 4.921 puntos que lle daban para repetir a prata do ano pasado sendo Sub18. Para rematar no decatlón masculino o atleta do Mazí Xoel Otero, en continúa e importante progresión, lograba o metal de bronce cunha puntuación total de 6.110 puntos.
Seguindo cas medallas, unha completísima Xiana Lago do Ría Ferrol que tomaba parte en disco e peso, lograba sobre esta última modalidade con 13.18 m un metal de bronce que a piques estivo de repetir no disco, onde finalmente remataba cuarta con 39.17 m. Mesmo metal nos 110 valos para David Vicente do Playas de Castellón quen logra unha xusta recompensa ao seu excelente ano mellorando amplamente a súa MMT de 14.71 ata os 14.05.
No resto de actuacións destacar os posto de finalistas logrados por Nicolás Ortega (4º) do C.A.Sada no disco; Xiana Lago (4ª) do Ría Ferrol en disco; Alba Cuns (4ª) Playas de Castellón en triplo; Hugo Fernández (5º) do Ourense Atletismo en martelo; Sergio González (5º) do Atletismo Barbanza en xavelina; Carla Díaz (5ª) do Lucus Caixa Rural Galega nos 3.000 obstáculos; Emma Sihunag (6ª) do Oviedo Atletismo en altura.