Achegar ás e aos ponteareáns a un deporte que combina a relaxación con movementos, fomentando un equilibrio físico e mental. Ese é o obxectivo da sesión de ioga na rúa que pon en marcha o Concello de Ponteareas este venres 16 de setembro, unha actividade accesíbel para todos os públicos coa que gozar duns intres de lecer diferentes.
A sesión estará dirixida a persoas a partir dos 12 anos, que poderán achegarse ás 18.30 horas á Praza da Música sen necesidade de inscrición. Soamente será necesario acudir cunha esteira para garantir unha maior comodidade da persoa participante.
Con esta sesión, o Concello “retoma as actividades deportivas ao aire libre nas distintas prazas e rúas da nosa vila. O exercicio físico é vital para a nosa saúde e este tipo de iniciativas permítennos achegar novas disciplinas á veciñanza, colaborando nunha mellora da nosa saúde física e mental e favorecendo a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.