Cando ainda perdura a ´resaca¨ dos trece metais galegos colleitados no pasado Campionato nacional Sub20, novamente a canteira do atletismo galego volvía amosar músculo na disputa do Campionato de España Sub16 celebrado este pasado fin de semana no concello asturiano de Avilés.
Ata alí acudiron nada menos que un total de 54 atletas galegas e galegos quenes regresaron cun extraordinario balance de dez medallas (das cales dous foron de ouro, dous de prata e seis de bronce) e un total de trece postos de finalistas.
A primeira das medallas foi parar a mans de Antía Otero do Atletismo Narón quen no concurso de xavelina lanzaba, xa no seu primeiro lanzamento, ata os 39.27 m. que lle daban o metal de bronce a tan só sete centímetros da prata.
Sen abandonar os lanzamentos, o martelo daba outra boa nova ca medalla de prata de Mar Simón do Celta, cuxo segundo intento de 43.11 m. bastaban para afianzar ese extraordinario subcampionato nacional.
Na xavelina novamente Enzo López daba mostras da súa gran calidade impoñéndose nun concurso domiñado de forma moi clara con 55.36 m. O atleta do Barbanza remataba o seu campionato quitando máis de seis metros ao segundo clasificado.
Eloy Acuña da Gimnástica en peso, e malia facer tan só dous lanzamentos válidos, enganchaba a bola no terceiro deles ata deixala nuns 14.73 m. que foron suficientes para acadar un excelente metal de bronce. Sen abandonar esta especialidade, unha das candidatas á medalla, Gema Dacosta do Vila de Cangas, quixo facer bós os prognósticos e confirmar a súa excelente progresión. A de Cangas lograba un metal de bronce cun mellor último lanzamento de 12.66 m.
A marcha tamén se sumou a esta excelente colleita de metais aportando un novo bronce de mans do atleta do Celta Andrés González quen sobre a proba dos 5.000 marcha lograba un rexistro de 24:11.92.
Celia Catro da A.A.Mazí, aportaba o segundo ouro para o atletismo galego logo de acadar sobre a proba dos 600 m. un rexistro de 1:33.08 que a confirman como a mellor especialista a nivel nacional nestes intres sobre a distancia. Continuando co sector do medio fondo e fondo, Amparo Corredoira da Atlética Lucense, acadaba un fantástico subcampionato nacional nos 600 m. nunha proba con moito nivel onde remataba cun rexistro oficial de 2:55.65.
Por último, gran final galega a presenciada nos 3.000 m. na que Teo de Frutos quíxose sumar aos éxitos femininos logrando a extraordinaria terceira posición nunha chegada de infarto entre galegos. Foi a foto finish quen tivo que axustar ata as milésimas para confirmar a medalla do atleta do Lucus Caixa Rural Galega con 8:49.152 polos 8:49.156 de Asheber Díaz da Agrupación Viguesa que lograba finalmente unha non menos meritoria cuarta posición.
Como remate a este gran campionato, a atleta do Riazor Coruña Celia Fernández nas combinadas de exathlon, daba a última medalla para os intereses galegos rematando na terceira posición moi pretiño da prata con 3.624 puntos.
Foron tamén moi salientables os postos de finalistas logrados por:
- 4ª Mar Simón do A.F.Celta en disco
- 4º Asheber Díaz do AVA nos 3.000 m.
- 4º Leo Rodríguez do Samertolameu nos 300 valos
- 5ª Marina Artemia Pérez da Gimnástica en triplo
- 5º Daniel Salgueiro do Coruña Comarca nos 600 m.
- 5º Xaido Nimo do R.C.Celta en martelo
- 6ª Aixa Corbacho do Rias Baixas en martelo
- 6º Alex Sierpes do Trega nos obstáculos
- 6º Antón Cillero do Riazor Coruña nos 300 m.;
- 7ª Mara Romeu do Trega nos 600 m.
- 7º Enrique Polo do C.A.Sada en altura
- 8ª Martina Gutiérrez da Gimnástica en altura
- 8º Anxo Bello do A.D.Fogar nos 3.000 m.