Este sábado, 17 de setembro, celébrase o 51º Descenso Internacional do Miño con 450 participantes pertencentes a 39 clubs galegos, doutros puntos de España, de Portugal, Arxentina e Uruguai.
A deste ano é unha edición especial xa que pospuxo a súa data de celebración, tradicionalmente en agosto, a este mes de setembro debido ás obras no Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, que será inaugurado o próximo mércores.
Este mediodía tivo lugar a presentación na rúa Olímpicos tudenses na que participaron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o secretario xeral de Deportes da Xunta, José Ramón Lete Lasa, o deputado de Deportes, Gorka Gómez, os concelleiros de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e de Salvaterra, Edgar Martínez, o presidente da Real Federación Española de Piragüismo, Javier Hernanz, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña. Tamén estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e o comandante naval do Miño, Pablo Redondo.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención o especial desta edición dunha proba emblemática que cumpre a súa 51 edición. Unha edición dicía que ven marcada, “pola culminación dunha demanda histórica do Club Kaiak Tudense”, coma é a reforma do Centro Municipal de Piragüismo.
Sinalaba Enrique Cabaleiro que “falar de piragüismo e falar de Tui é falar de éxito, é un dos deportes que máis nos identifica". Apuntaba neste senso que os deportes de río, piragüismo e remo, “levan o nome desta cidade polo mundo, e máis aló dos éxitos nos enchedes a todos de inmenso orgullo”.
Pola súa parte o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou coma o Club Kaiak Tudense “é un dos primeiros en ser recoñecido coma núcleo de adestramento especializado”. Engadía que “me gustaría que seguirades traballando coma o estades facendo, non só coas licencias de base, senón coas licenzas de alto nivel e alto rendemento para que poidamos disfrutar do que estamos a facer coma é un momento histórico para o deporte de Galicia, e sen ningunha dúbida para o piragüismo”
O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, indicaba que o Descenso do Miño é unha proba internacional cunha participación altísima que “pon en valor o territorio, a Tui e ao río”. Dicía tamén que é fundamental vincular “o deporte á economía e ao turismo. Sempre falamos de potenciar os eventos deportivos coma este que sexan un referente a nivel nacional e internacional para captar a posibles visitantes que disfruten de Tui, da provincia e de Galicia”.
Javier Hernaz, presidente da Real Federación Española de Piragüismo, agradecía ao club Kaiak Tudense “o esforzo que facedes polo piragüismo, polo esforzo que facedes por levar esta actividade a toda España” e por “ser quen de sacar de aquí coa súa metodoloxía e a súa programación a uns dos mellores deportistas do mundo”. Mencionaba así a traxectoria de Roi Rodríguez “que nos últimos anos ten sido un dos mellores deportistas do equipo español”.
A saída do Descenso Internacional do Miño será este sábado ás 17.30 h dende Salvaterra, será dende terra na beira española para as embarcacións K1 masculinas, dende a beira portuguesa para os K1 femininos e canoas, e dende a auga para as embarcacións dobres C2 e K2. Vinte minutos antes tomarán a saída os participantes da modalidade de paleo a pé. A entrega de premios está prevista ás 19.30 h. Entre os favoritos para subir ao podio están Franco Balboa e Lara Feijoo en K1, Jaime Duro en C1, Carmen Vilar e Tania Fernández en K2, Manuel Busto e Diego Míguez en C2, e Leticia Piña e Rubén Millán no K2 mixto.