Ponteareas prepárase para pedalear esta fin de semana. O vindeiro domingo 11 de decembro, o circuíto das Cachadas acolle a segunda edición do Ciclocross Borja Gómez Méndez, unha proba organizada polo Club Ciclista Ponteareas en colaboración co Concello e que forma parte da Copa Galicia.
A alcaldesa Cristina Fernández Davila e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixeron prestar o seu total apoio á organización durante o acto de presentación desta carreira, que contou tamén coa presenza do presidente da Xunta Xestora da Federación Ciclismo Galego, David Carrillo; do presidente do club, Manuel Gregores, e outros membros da directiva; e de corredoras e corredores do club.
Nesta proba, que contará cunha carreira inclusiva, participarán deportistas das categorías cadete, junior, sub 23, élite, máster 30, máster 40, máster 50 e máster 60, así como ciclistas infantís na quenda de Promoción. A competición comezará ás 09.00 horas e prolongarase ata as 15.00 horas.
Bouzó quixo unha vez máis agradecer ao Club Ciclista Ponteareas – Escola Borja Gómez Méndez “o gran traballo que realizan todo o ano para seguir forxando a historia dun deporte no que Ponteareas é un referente e, como non, por crear e dar continuidade a unha proba que rende homenaxe a unha das nosas grandes figuras como Borja Gómez”.