O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá do mércores na presentación da sección de piragüismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva composta por 49 deportistas (43 piragüistas e 6 de slalom) entre os programas de tecnificación (28) rendemento (10), elite (6) e autorizados para adestrar coa sección (5). “Falamos de preto de medio centenar de deportistas, o que reflicte un incremento do 11,3% con respecto á tempada anterior e un síntoma da boa saúde do piragüismo galego onde máis importa, na base”, dixo o mandatario galego.
O secretario xeral gabou os nomes de deportistas vencellados ao CGTD como Teresa Portela, a piques de acadar os seus sextos Xogos Olímpicos, Pablo Graña, Diego Romero, Tania Álvarez ou Tono Campos, que vén de acadar o Premio Deporte Galego ao mellor deportista absoluto masculino 2018.
Do mesmo xeito, na xuntanza celebrada no CGTD presentouse o novo equipamento co que competirá a selección galega de piragüismo, así como unha embarcación que a Federación Galega acadou grazas á primeira convocatoria das subvencións a entidades deportivas para a adquisición de equipamentos deportivos e que medrou neste 2019 un 500%. Deste xeito a Federación Galega de Piragüismo fíxose cunha embarcación (lancha) por un importe de 17.650,27 euros, financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte a un 80%.