Un total de catro medallas e dez potos de finalistas foi o balance do atletismo galego no campionato de España Sub18 que se levou a cabo esta pasada fin de semana en Gijón.
Novamente Xela Martínez convertíase na abandeirada da expedición galega desprazada ata a cidade asturiana. A lucense, que viña de pasar unha lesión, non deu opcións as súas rivais impoñéndose na distancia dos 3.000 m. cun rexistro de 9:52.39 e reafirmando o seu dominio sobre o fondo nacional.
Os concursos volveron resultar importantes para os intereses galegos xa que Lara Iglesias do Atletismo Barbanza lograba con 48.37 m. o subcampionato nacional pero con sensacións de poder estar na loita directa polo título.
Alicia Barreiro do Ría reafirmaba o seu excelente ano cun subcampionato nacional na proba dos 400 m. que remataba cun rexistro de 56.30 preto da súa plusmarca galega. Sobre a mesma distancia pero nos valos, Leo Rodríguez do Celta nun extraordinario campionato lograba nas semifinais o pase á final logo de acadar un novo récord galego de 54.45. Xa na final volvía mellorar en máis dun segundo o tope autómico ata deixalo en 53.19 que lle daba a medalla de prata e que o sitúan de segundo no ranking nacional do ano.
No resto de actuacións cabe salientar os postos de finalistas logrados por:
Pepe Sánchez (5º) da At. Lucense sobre os 2.000 obstáculos con 5:53.67; Amparo Corredoira (6ª) da Atlética Lucense nos 1.500 m. con 4:37.52; Natalia Rivas (6ª) do Ría Ferrol nos 5.000 marcha con 24.30:04; Aixa Corbacho (6ª) do Rías Baixas en martelo con 54.34 m.; Sara Guedes (7ª) da At.Lucense nos 2.000 osbtáculos con 7:06.77; Daniel Salgueiro (8º) do Coruña Comarca nos 800 m. con 1:56.72, Nicolás Collazo (8º) do Ames Atletismo nos 10.000 marcha con 48:29.00; Roi Rial (8º) do Atletismo Santiago en triplo con 13.87 m.; Marina A.Pérez (8ª) da Gimnástica no concurso de pértega con 3.03 m. e Gema Dacosta (8ª) do Vila de Cangas en disco con 34.75 m;
As principais favoritas e favoritos cumpriron no Sub20
Santiago de Compostela pechaba esta fin de semana a disputa dos campionatos de atletismo en pista de aire libre ca celebración do Xunta de Galicia Sub20.
Nesta edición, os principais favoritos e favoritas do campionato puxeron de manifesto a súa superioridade nun evento que serviría como importante test de probas de cara a esa cita nacional que terá lugar os vindeiros días 22 e 23 de xullo en Soria.
Na categoría feminina, a internacional Ainhoa Reparaz do Val Miñor domiñaba claramente os 100 m. con 12.13 ao igual que Lucía Sánchez del Valle da Atlética Lucense, a quen vimos tomando parte e impoñéndose nos 100 valos con 14.93 e na xavelina con 32.03 m.
Emma Sihuang do Oviedo Atlético e Alba Cuns domiñaban as modalidades de altura con 1.64 m. e de triplo con 12.53 m. respectivamente. No círculo de lanzamentos, tamén boas actuacións das internacionais Blanca Pereira do Ourense Atletismo no martelo con 53.12 m. e de Xiana Lago do Ría Ferrol no de peso con 12.94 m. Sen abandoar os lanzamentos, 46.34 m. para Nicolás Ortega do Atletismo Sada en disco e 14.88 m. de Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá no de peso.
Sobre os valos, magnífico David Vicente do Playas de Castellón quen lograba nos 110 un crono de 14.18 malia que con vento favorable de +2.6. Victor Ramos do Triki Team sobre os 3.000 obstáculos con 9:46.31, David García do Atletismo Santiago en altura con 1.84 m. e Martín Barcía do Celta sobre os 200 m. con 22.44, lograban colocarse líderes do ranking autonómico Sub20 deste ano.
Precisamente Martín Barcia foi un dos atletas que lograba un dobre título nesta edición logo de proclamarse campión galego dos 100 con 10.87 (+2.3) e dos 200 m. ao igual que Xoel Otero do Mazí sobre os concursos de triplo con 13.96 m. e de lonxitude con 6.32 m. Na categoría feminina, Carolina Santos do Ría Ferrol facía o propio, neste caso sobre as distancias dos 800 m. e dos 1.500 m. con 2:25.51 e 4:59.36.